Demandan educación e non publicidade "conmemorativa" para rematar coa violencia machista

Educación e non campañas publicitarias “conmemorativas”. É o que defendeu a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, Mª Rosa Álvarez na súa intervención no Parlamento para erradicar a violencia machista 

violencia machista
photo_camera violencia machista

A decana do Colexio Oficial de Psicoloxía, Mª Rosa Álvarez, lamentou o carácter “conmemorativo” das campañas publicitarias do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as mulleres mentres a prevención no ámbito da educación é inexistente. Animou tamén á administración a ofrecer a imaxe dunha muller empodeirada con mensaxes de rexeitamento da violencia que se dirixan tamén a homes e mocidade. 

Na súa comparecencia na Comisión de Igualdade do Parlamento, Mª Rosa Álvarez Prada reclamou unha aposta contra a violencia contra as mulleres, en especial, desde o ámbito da Educación e destacou a necesidade de que se integre nos estudos dos profesionais afectados como os da avogacía ou a saúde ademais de activar desenvolvementos curriculares en igualdade e prevención nos centros educativos. A única garantía, dixo, para erradicar comportamentos sexistas e de violencia,  está na educación. 

"A única garantía, dixo, para erradicar comportamentos sexistas e de violencia, está na educación". 

Unha instancia coordinadora real

Denunciou tamén, na súa análise da situación lexislativa, que non se está a facer valer o carácter integral da normativa e que o sistema non ampara ás mulleres que deciden saír dunha situación de violencia. Reivindicou, nese sentido, a urxencia de contar cunha instancia coordinadora real, que cun protocolo claro defina os pasos que teñen que dar as mulleres para se sentiren acompañadas e eliminar así a “peregrinación” a través de distintas instancias públicas. 

Definiu como “un parche” os programas de asistencia psicolóxica que xestiona o COPG en convenio coa Vicepresidencia da Xunta e defendeu a necesidade de que a asistencia psicolóxica se ofreza xa en atención primaria. 

Mª Rosa Álvarez defendeu a eliminación do criterio de non convivencia co agresor xa que, segundo lembrou, un dos momentos máis delicados é cando a muller pon fin á relación. Prestou tamén especial atención á protección de menores e, entre outras medidas, defendeu que non haxa necesidade de informar ao presunto agresor do inicio do tratamento psicolóxico. 

Comentarios