Fruga demanda unha comisión de investigación pola implicación da Xunta na quebra de Alimentos Lácteos

No xuízo que decorre en Lugo polo cobro ilegal de soldos dos ex-directivos da planta de Outeiro de Rei, Eugenio Montero e Arcadio López aseguraron que foi o executivo galego quen lles ordenou cesar. Desde a Fruga denuncian que estas declaracións deixan ver a responsabilidade do goberno de Núñez Feijóo na quebra de Alimentos Lácteos. 

Alimentos Lácteos solución
photo_camera Concentración de Alimentos Lácteos no Parlamento

Estes dous directivos do que foi o proxecto estrela do PP para o sector lácteo galego sentaron no banco xudicial para prestaren declaración por cobraren salarios dunha empresa da que expresamente non podían tirar proveito económico por mor da falta de beneficios. Iso era o que dicía os Estatutos de Alimentos Lácteos, un acordo adoptado entre as explotacións gandeiras que conformaron a factoría após a marcha de Leche Pascual e a Xunta. 

Porén, unha denuncia do administración concursal de AA.LL alertou do cobro ilegal de máis de 236.000 euros en concepto de salario por parte de Eugenio Montero e Arcadio López, ambos os líderes do Partido Popular en Touro e A Pastoriza, respectivamente. 

Os directivos recoñecen que as ordes as daba a Xunta

Iniciada a vista oral por aquela denuncia, os denunciados recoñeceron que fora a propia Xunta de Galiza quen decidira que estes cobros cesasen. As declaracións de Montero e López situarían o executivo de Alberto Núñez Feijóo no centro da toma de decisións dunha entidade que após percibir 9 millóns de euros en axudas públicos, declarou a súa quebra 5 anos despois de iniciar a actividade.

Para a Federación Rural Galega (Fruga), os últimos achados demostran que era o goberno de Alberto Núñez Feijóo quen "dirixía o proxecto" e, polo tanto, este tórnase "responsábel" da "má xestión" e posterior quebra da planta de envasado, cuxo feche deixou tras de si un ERE @s traballador@s da factoría e o adebedamento de varios meses ás explotacións gandeiras que entregaban o leite a Alimentos Lácteos. 

Neste senso, a organización agraria exixe a constitución dunha comisión de investigación que esclareza o grao de implicación da Xunta no fracaso de Alimentos Lácteos así como, indican, "depure as responsabilidades políticas e penais se as houber". 

Comentarios