Presenza de forzas políticas galegas no 9N en Catalunya

BNG, Anova, Nós-UP e Compromiso por Galiza manifestaron o seu apoio ao proceso soberanista e acompañarán moi de perto o desenvolvimento do 9-N. Varias delegacións viaxarán a Cataluña para mostrar o seu apoio á consulta. 

-
photo_camera Camilo Nogueira, Ana Miranda e Xavier Vence, na recente Diada


Convidado por ERC e CUP, o BNG enviará a Catalunya para participar na xornada do 9-N unha delegación oficial formada por Ana Miranda, Camilo Nogueira e André Abal, membros do seu Consello Nacional. Participarán nas vésperas da consulta en diversos actos organizados polas dúas formacións soberanistas e visitarán o mesmo 9-N distintas mesas electorais tomando parte dunha delegación formada por formacións políticas de nacións sen estado como Euskadi, Flandes, Gales, Escocia, Córcega ou Bretaña. Desde o BNG agardan que o goberno central “non torpedee a consulta do 9-N e a cidadanía catalá poda participar e votar libremente, porque o dereito a decidir dos pobos forma parte da esencia da democracia”. 

"Lexítimas aspiracións"

Para o BNG, “é evidente que as lexítimas aspiracións da maioría da sociedade de Catalunya para avanzar cara á súa independencia ten iniciado un debate sobre o actual modelo territorial do que Galiza pode quedar á marxe polo desleixo e a submisión do Goberno de Feijóo á estratexia recentralizadora do PP”. Sitúan a Galiza desde a organización nacionalista entre as nacións que aspiran a avanzar cara á soberanía, e reitera o seu apoio á loita do pobo catalán para converterse nunha nación de pleno dereito en Europa. 

De parte de Anova, será o seu coordinador nacional, Antón Sánchez, e Xiana López, responsábel de relacións sociopolíticas, quen apoien a xornada en Catalunya por un convite da CUP. Participarán en diversos actos políticos programados pola CUP quer nas vésperas quer na xornada da consulta. Desde Anova mostran a súa preocupación “polos niveis de autoritarismo que está a manifestar o Estado español, o seu goberno e as institucións xurídicas, que no canto de ser garantes de procesos democráticos que faciliten a participación da cidadanía, que é onde reside a soberanía dun pobo, son instrumentalizados en contra das arelas democráticas e lexítimas manifestadas polo pobo irmán catalán”. 

Observación internacional 

A delegación galega formará parte do grupo dos máis de 100 observadores internacionais e participará o  sábado 8 de novembro ás 12:00 na rolda de prensa colectiva organizada pola International Commission of European Citizens (ICEC) no Ateneu Barcelonès. Nós-UP mandará tamén unha delegación a facer seguimento da xornada. 

Compromiso por Galiza emitiu tamén un comunicado no que chama a unha “participación masiva para a consulta do 9N en Catalunya. O seu secretario xeral, Xoán Bascuas, considera que unha alta participación “é unha derrota da visión monolítica do Estado que teñen PP e PSOE”. Bascuas amosou a súa solidariedade con Catalunyae con todos os pobos, “que libre e democraticamente queiran exercer o seu dereito a decidir”. Desde CxG critican que o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, se agoche “detrás da Constitución para intentar resolver un claro problema político”. 

Comentarios