Defensor del Pueblo investiga se houbo trato vexatorio a familiares dun preso independentista galego

A institución comunicou a Xurxo R. Olveira, interno no penal de Mansilla de las Mulas (Leon), a abertura de dilixencias perante Institucións Penitenciarias para reunir información sobre o “alegado trato vexatorio a que funcionarios do centro someteron familiares seus nos controis previos a unha visita”, sinala Esculca

Mansilla de las Mulas
photo_camera Mansilla de las Mulas

En maio de 2013, familiares do preso independentista Xurxo R. Olveira denunciaban ter sufrido un “trato vexatorio” por funcionarios do penal de Mansilla de las Mulas. Obrigaron a nai e a irmá do preso a se despoxaren das súas roupas para as submeter a unha inspección manual namentres un can da Garda Civil lles uliscaba as roupas; segundo a versión da propia familia a través da plataforma Que Voltem a Casa

Queixa de Esculca

Estes feitos motivaron que Esculca, Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, presentase en 22 de maio unha queixa perante o Valedor do Pobo e o Defensor del Pueblo. Pedían que “se tramitasse queixa pola alegada actuaçom abusiva de funcionários do centro penitenciária, que teriam submetidos sem causa justificada as familiares do preso a exames corporais integrais e outras vexaçons”.

A principios deste mes de agosto, o Defensor del Pueblo comunicou a Xurxo R. Olveira a apertura de dilixencias perante a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias para reunir e recabar información sobre o que aconteceu ese día.

Case un ano preso e sen xuízo

Xurxo R. Olveira fica en prisión preventiva sen ser xulgado desde setembro de 2012. Impútanlle un delito de "pertenza" á organización Resistencia Galega, que o ministerio de Interior ten tipificada como "terrorista"

Comentarios