Declara como imputado o condutor do tren que descarrilou en Compostela

O Tribunal superior de xustiza de Galiza emite un comunicado para desmentir as informacións que sinalaban que o maquinista fora posto a disposición xudicial. Renfe descarrega sobre el toda a responsabilidade do sinistro sinalando que non viu o límite de velocidade por "un despiste"


O titular do xulgado de Instrución nº3 de Santiago de Compostela ordenou que a policía xudicial tome declaración ao maquinista do tren sinistrado en Angrois en calidade de imputado. Segundo informaron fontes do Tribunal superior de xustiza, a declaración foille tomada "no hospital onde fica custodiado", mais "non se produciu paso a disposición xudicial ningún". 

Nunha conversa mantida por radio coa estación de comboios da capital galega, o traballador recoñeceu a súa neglixencia ao entrar na curva da Grandeira, onde se produciu o sinistro, a 190km/h, cando a velocidade fica limitada a 80km/h.

O sistema de freado ERTMS, que permite diminuír a velocidade de maneira automática nas zonas limitadas, está instalado ao longo de toda a vía da alta velocidade que une Ourense coa Coruña. Porén, nos últimos catro quilómetros do acceso a Santiago, o sistema implementado segue a ser o ASFA, máis antigo e que non permite almacenar información referida á vía, ás condicións de circulación e ao propio comboio.

Con todo, Renfe descarrega as causas do sinistro sobre os ombreiros do condutor, sinalando que foi un "despiste" ao pensar que circulaba por vía libre e non apreciou a limitación de velocidade. O secretario xeral do sindicato de maquinistas respóndelle: "nunca nun accidente ferroviario hai unha soa circunstancia".

O maquinista declarou que circulaba a 200km/h xusto antes de chegar á curva. Ao non estar instalado o ERTMS, non lle deu tempo a frear para entrar nela á velocidade acaída. As declaracións que fixo o maquinista servirán para esclarecer o acontecido namentres non é posíbel abrir a caixa negra do comboio. Custodiada pola policía xudicial, será instalada noutro tren "porque fai falta presión para abrila", segundo explicou o sindicato de maquinistas. 

Comentarios