Ducias de colectivos acudirán a Riotorto para rexeitar o re-pagamento nos fármacos

Este sábado 26 de outubro unha asemblea nacional deseñará a "batalla social" contra o re-pagamento de fármacos hospitalarios. O alcalde riotortense, Federico Gutiérrez (BNG) lanzou un chamamento "a toda a xente de ben" que loite por unha sanidade "universal e gratuíta" a se sumar á iniciativa. Maceda, Vilar de Santos, Cervantes, O Valadouro e A Pastoriza súmanse á ofensiva local contra o re-pagamento.

Federico Estoa
photo_camera Federico Estoa

"Tócanos a nós dar esa grande batalla social". Así de taxativo se amosou o alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa (BNG). Após anunciar que o se concello asumirá o re-pagamento dos fármacos de prescrición hospitalaria para doentes crónic@s, xa suman unha vintena as administracións locais que se declararon insubmisas ao decreto aprobado desde Madrid. 

Unha fronte común contra o re-pagamento

O seu obxectivo é "instar ao presidente da Xunta a que paralice a entrada en vigor do decreto". Neste senso, Gutiérrez Estoa convocou unha asemblea nacional á que están chamadas as asociacións veciñais, organizacións sindicais, colexios profesionais, plataformas en defensa da sanidade, representantes institucionais... "todas as persoas de ben", asegurou o rexedor nacionalista dispostas a conformar unha "fronte común" contra o re-pagamento. 

Federico G. Estoa,aldalde de Riotorto: "Tócanos a nós dar esa grande batalla social pola sanidade pública"

E a chamada deu os seus froitos. Decenas de representantes sociais, institucionais e veciñais reuniranse este sábado 26 de outubro na Casa da Cultura desta vila luguesa. "Todos nós temos unha responsabilidade coa nosa sociedade", insistiu Federico Gutiérrez, "e coa que lle imos deixar en herdanza aos nosos fillos" polo que procurarán que das accións de resposta que saian acordadas o vindeiro sábado, "a presión social obrigue ao PP a dar marcha atrás", subliñou. Neste senso, o rexedor de Riotorto ten claro que "as últimas decisións do Ministerio de Sanidade" cruzan "todas as liñas vermellas. 

Importante resposta social á convocatoria

Nen Riotorto, mais tampouco Allariz, Monforte, Ribadeo, Pedrafita, A Pontenova..  e esta quinta feira: A Pastoriza, O Valadouro, Cervantes, Maceda e Vilar de Santos; aseguran non estar dispost@s a que doentes con enfermidades crónicas como o cancro de mama, leucemia, artrite ou hepapite C "teñan que pagar os seus medicamentos" co risco, advirten, de que se vexan abocad@s a os abandonaren por falta de diñeiro. Aliás, chaman a máis concellos a se sumaren e a se achegaren a Riotorto o vindeiro sábado para se unir á loita "por unha sanidade pública e universal". 

Até o momento, din, "un bo número de asociacións veñen de confirmar a súa asistencia. Ademais, tamén están convocados todos os alcaldes, concelleiros e políticos que traballan desde a oposición, dos que tamén contamos que haxa unha alta participación", afirmou Gutiérrez Estoa, ao tempo que se amosou certo de que "os resultados" da xuntanza "tamén o sexan". 

Comentarios