CxG e Anova na procura de alianzas

As forzas políticas xurdidas logo da Asemblea Nacional do BNG, están a tecer novas alianzas co fin de aumentaren o seu número de apoios e oportunidades electorais. Anova e Compromiso –que saían da man do BNG-- atópanse na actualidade lonxe de chegaren a un acordo.

Tense escoitado e lido moito nestas últimas semanas a respecto das organizacións políticas xurdidas da escisión no Bloque Nacionalista Galego. Anova-Irmandade Nacionalista e Compromiso x Galicia, procuran crear novas alianzas político-electorais logo de que o Día da Patria deixara albiscar a súa falla de entendemento e apoios. Os documentos políticos aprobados en senllos procesos asembleares e a xeración de novas sinerxias, falan por si propios.

Compromiso x Galicia escora á dereita

Máis Galiza, Ecogaleguistas e Acción Galega presentouse ao mundo, baixo as siglas CxG, como unha coalición “galeguista de centro – progresista”. Unha complexa etiquetaxe que permite dar acubillo entre as súas filas a persoeiros coma Rafael Cuíña, ex-militante do Partido Popular, escindidos do PsdeG-PSOE e membros de Alternativa Popular Galega, anteriormente integrad@s no PPdeG.

De ideoloxía social-demócrata, CxG presenta uns principios programáticos sen grandes novidades froito da base ideolóxica que o integra, encamiñado a unha (re)formulación do sistema capitalista (urxida pola crise económica e financeira) de acordo cun modelo máis social e sustentábel. Como europeístas,  defenden no seu ideario o proxecto de integración económica e monetaria da UE e apuntan a que sexa reformado e ampliado a través da creación dun Tesouro común --proposta defendida tamén por partidos españois--.

A súa saída do BNG evidenciábase inevitábel por mor das diverxencias ideolóxicas que existían entre Máis Galiza e os sectores maioritarios da fronte patriótica. A partir da Asemblea de Amio, procurarían tecer relacións estreitas con sectores próximos á dereita até se ahegaren, como vimos nestes días, a Terra Galega, unha organización que xurdiu da man de ex-militantes do PSG e independentes de ámbito local. A proposta de CxG semella ir  encamiñada a sumar forzas entre descontent@s da dereita galega baixo o pano dun novo "galeguismo" aberto á sociedade, no que salienta a influencia e contactos do "popular" Rafael Cuíña.

Anova – Irmandade Nacionalista e a EU española

Os irmandiños de Beiras, que abandonaban o BNG xunto con Máis Galiza, desmarcáronse axiña do proxecto político impulsado por Pérez Bouza, Báscuas, Táboas e Cuíña. Cunha liña política nacionalista e “altermundista” promovían a horizontalidade e a militancia de base. O daquela Novo Proxecto Común abrangueu entre as súas filas á Fronte Popular Galega e Movemento pola Base –logo da saída de Causa Galiza e do Colectivo de Marín--.

Apupos houbo na súa Asemblea Constituínte por non se declararen anti-sionistas, empregaren unha linguaxe sexista ou nomear unha coordinadora “desde arriba”, cuxos nomes non sorprenderon a ninguén.

Un acto do Día da Patria sen excesiva repercusión, urxíu a procura de novas relacións políticas que abrisen posibilidades electorais ante a escaseza de apoios. O seu dirixente, Xosé Manuel Beiras falaba días antes do 25 de xullo de “confluencia” con outros proxectos políticos. A mensaxe, que semellaba dirixida a CxG, foi recollida inesperadamente por Esquerda Unida, que abría a posibilidade dunha coalición electoral semellante á grega Syriza. Anova saiu ao paso da proposta de EU e deixará en mans da súa asemblea a creación dunha “fronte electoral ampla” na que o independentismo da FPG e o suposto altermundismo beirista conflúan cunha forza política española.

A proximidade das eleccións nacionais galegas e a incapacidade das forzas escindidas para conformaren unha alternativa política sólida, exixen a xeración de alianzas. A proposta do Partido Popular de reducir o número de deputad@s a 61, e mesmo aumentar o limiar electoral, complicarían a entrada de novas formacións ao Parlamento galego, polo que a suma de votos semella estarse a converter na principal motivación destas novas confluencias. 

Comentarios