CxG afirma ter “probas documentais” que vinculan unha empresa de Dorado con subministros a hospitais da provincia de Pontevedra

Xoán Bascuas, dirixente de Compromiso por Galicia, asegurou en declaracións a Semos Galiza ter “probas documentais” que vinculan unha das empresas de carburantes propiedade do narcotraficante Marcial Dorado co abastecemento de combustíbeis a hospitais da provincia de Pontevedra na década dos 90, “concretamente ao antigo hospital provincial”.

Compromiso
photo_camera Compromiso

O líder da formación nacionalista sinalou, aliás, que  a  empresa capitaneada polo traficante arousán    “tiña a súa sede en Caldas de Reis” por aquel entón, época na que Feijóo xa era o número dous do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).  

De acordo con Bascuas, Feijóo, na súa calidade de secretario xeral da Consellería de Sanidade entre 1991 e 1996, tería contratado unha empresa capitaneada polo soado “empresario”xa  investigado polo propio Baltasar Garzón no marco da Operación Nécora.

Dado que as fotos do iate publicadas por El País o pasado domingo datan de 1995, fontes do PSdG informaron a este meio ter solicitado documentación dos contratos de subministros enerxéticos, de combustíbeis e informáticos efectuados pola Consellería de Sanidade e os centros hospitalarios dependentes do SERGAS entre 1992 e 1998, “datas nas que Feijóo recoñeceu a súa amizade con Dorado.”

En rolda de imprensa, Xoán Bascuas, chamou a atención sobre a “actitude canallesca” e a “dobre moral” do máximo mandatario galego, por ter criticado no seu momento a Quintana “por unhas fotos nas que saía cun empresario respectábel e non cun narco”. Asemade, manifestou que “a comparecencia de Feijóo foi unha tomadura de pelo” e criticou “a sucesión de mentiras” posteriormente “desmontadas” polo xuíz Vázquez Taín, en relación as datas nas que, supostamente, cortara a amizade co histórico xefe do clan ourensán.

Comentarios