A custodia compartida do ríos

Canda sete asociacións, ADEGA promoveu o proxecto de “Custodia Fluvial no Ulla, Umia, Lérez” que desenvolveu iniciativas de recuperación, conservación e promoción dos tres ecosistemas fluviais. Agora presentan un balance no que destacan, en especial, a corresponsabilidade diante dos rios, o achegamento e o compromiso da cidadanía co seu patrimonio natural. 

Proxecto Ríos
photo_camera Proxecto Ríos

Coordenado por ADEGA, o proxecto “Custodia Fluvial no Ulla, Umia, Lérez” presentou o seu balance de resultados despois de ser desenvolvido desde o 2010 coa participación de sete entidades locais,Asociación Cultural A Xesteira , Asociación Cultural Rego de Godoi, e Asociación para a Defensa do Val do Liñares, da Estrada, O Fervedoiro de Cuntis, Comunidade de Montes en Man Común de S. Miguel de Presqueiras e a Sociedade de Caza e Pesca e a Asociación de Moz@s de Forcarei. 

Despois dunha primeira fase na que as entidades participaron do proceso de achegamento e coñecemento dos seus ríos, algunhas delas presentaron proxectos a nivel local que tiñan como obxectivo poñer en valor os seus ecosistemas fluviais por medio de estratexias de custodia do territorio.

Ferramenta de conservación colectiva

“A custodia é unha ferramenta para conservar a natureza, que xorde d apropia cidadanía, complementaria á conservación por parte da administración. A custodia do territorio, neste caso dos ríos, ofrece a posibilidade de facer actividades ou iniciativas que poñan en valor o patrimonio natural”, explica Lucía Parente, coordinadora do proxecto desde Adega. 

Na primeira fase do proxecto, fixéronse inspeccións, limpeza, xornadas, charlas e demais actividades que tiñan como fin o achegamento aos ríos por parte da veciñanza. No paso seguinte, as asociacións máis activas presentaron proxectos entre os que se escollerían os máis viábeis para levar a cabo. Desta maneira, no Ulla presentáronse roteiros para coñecer ríos e regatos, en Couso, Godoi e Liñares. Na bacía do Ulla o proxecto xirou arredor dos muíños e camiños. No Umia, foi o Fervedoiro o que fixo xerar a súa iniciativa arredor do patrimonio etnográfico, restaurando pasos e recuperando e limpando os lavadoiros fluviais ademais de sinalar os roteiros. Na bacía do Lérez, pola súa parte, o proxecto está ligado á pesca, establecendo un tramo de cinco quilómetros de pesca sen morte. Recuperándose tamén os canais dos muíños, onde as troitas paraban para comer e descansar. 


“O obxectivo da custodia é que agora sexan as propias asociacións quen dinamicen os proxectos. Foron elas as que os idearon e desenvolveron, serán tamén as que teñan que continualos no tempo”, explica Lucía Parente dun proxecto innovador, tamén pola súa dimensión de integrar a varias asociacións de varias localidades, que se enmarca nunha liña de traballo de custodia do territorio coa que, desde Adega, están a aplicar tamén a charcas, litoral e outros espazos naturais. “Trátase de proxectos enriquecedores, nos que a xente se implica e traballa moito, coñece a natureza e quere conservala e protexela”, explica Parente.

Comentarios