Nunca Máis podería ir ao Supremo

A Audiencia Provincial da Coruña sentenza que non hai responsábeis pola catástrofe de hai once anos, absolve os acusados -agás unha pena menor a Mangouras- e libera de toda culpa ao Estado. Nunca Máis cualifica de “vergoña” a decisión e valorará recorrer ante o Tribunal Supremo.

culpaples
photo_camera [Imaxes: SG]


Indo ao extremo, até se pode pensar que todo foi unha hipnose colectiva, que o único que pasou foi que o capitán do buque se negou a obedecer as ordes gobernamentais e adiou tres horas o afastamento do petroleiro a pique. Ese debeu ser o único problema porque é a única condena. Nove meses de cadea que non cumprirá a Apostolos Mangouras. O resto, sen culpábeis nin responsabilidade ningunha.

Os principais delitos non teñen culpábeis

Os terríbeis efectos da catástrofe que hai exactamente once anos provocou o naufraxio do Prestige quedan sen castigo. Así o decidiu e fixo público a Audiencia Provincial da Coruña. Absolvidos dos cargos de dano ao medio ambiente Mangouras, o seu xefe de maquinas Nikolaos Argyropoulos e o único responsábel da discutida xestión do goberno do PP, o ex-director da Mariña Mercante José Luis López Sors.

A súa avogada, Consuelo Castro, recoñecía ao remate da lectura da sentenza -feita polo presidente do Tribunal Juan Luis Pía integramente en galego- que estaba “moi satisfeita” e que @s maxistrad@s aceptaran os seus argumentos. Fóra do recinto, o dirixente do BNG e membro de Nunca Máis Bieito Lobeira cualificaba a resolución como “unha sentenza política a prol dos intereses do PP”. Medio cento de persoas berraban contra a decisión detrás dunha pancarta da plataforma que, precisamente, rezaba en contra da “impunidade”. 

Nin un só euro dos 4.230 millóns que se pedían en indemnizacións

Só desde o PP e achegad@s celebraron o criterio da Audiencia Provincial. Nin sequera parece importarlles que non haberá ningún tipo de indemnización, polo que o Prestige afundiu tamén máis de 500 millóns de euros públicos, dos de hai once anos. 

No Pazo de Xustiza da Coruña notábase certa perplexidade, tamén entre os moitos medios de comunicación desprazados. Nalgún caso, o enfado era visíbel, caso de Pedro Trepat, avogado de Nunca Máis. “Non estamos contentos, teremos que analizar a fondo a sentenza, e ver se a recorremos ao Supremo, pero parécenos contraditoria xa que afirma que López Sors deixouse asesorar polos técnicos cando en realidade quedou demostrado que a decisión de afastar o buque tomouse unha hora despois do naufraxio por teléfono”, afirmou. 

A Audiencia da Coruña defende o afastamento do barco

A sentenza avala o feito chave do desastre, a decisión do goberno de afastar o buque. Faino entre críticas suxeridas, por exemplo contra a “difusa e confusa” coordinación do que era delegado do Goberno español, Fernández de Mesa. Porén, a sentenza afirma que “as autoridades españolas contaban ademais con asesoramento técnico correcto e máis que suficiente, aínda que, como todo asesoramento desa índole, suxeito a erro.

Nunca se dixo ata agora cal sería a decisión correcta a adoptar nin os protocolos a seguir (...) nin aínda agora foi capaz ninguén de sinalar o que se debería de facer, á parte dalgunhas opinións particulares máis ou menos técnicas. (...) Simplemente, ante unha situación de emerxencia, tras o asesoramento técnico máis rigoroso e capaz, tomouse unha decisión discutíbel pero parcialmente eficaz, enteiramente lóxica e claramente prudente”. 

Nunca Máis baralla recorrer

Chea de baleiros, a decisión queda agora exposta a un moi probábel recurso de Nunca Máis ao Supremo. Alí deberán intentar ser máis concretos coas responsabilidades auténticas sobre unha catástrofe que queda no aire, porque segundo @s maxistrad@s, “ninguén coñece con exactitude cal puido ser a causa do ocorrido, nin cal debería ter sido a resposta apropiada á situación de emerxencia creada pola grave avaría do Prestige, pero ninguén pode negar o fallo estrutural nin puido demostrar no xuízo onde se produciu exactamente nin por que razón”. 

Foron milleiros de quilómetros de costa contaminados, millóns de euros perdidos, centos de horas de traballo moi duro e mesmo unhas consecuencias na saúde pública que aínda xeran polémica. Provocou algúns dos protestos máis impresionantes da historia de Galiza. Foi o Prestige. Pero queda sen culpábeis, o que mesmo convida a que se volva repetir erros como aqueles, que deberían quedar tamén sen castigo. Así, non é raro que se volvan escoitar con forza os berros de Nunca Máis.

Comentarios