sábado 04.07.2020

Cualedro, Xinzo, Trasmiras e Baltar avalían solicitar a declaración de zona catastrófica

O incendio que arrasou máis de 3.000 hectáreas -sete veces máis que a superficie ardida en 2014- é, para o alcalde de Xinzo, “un acto de terrorismo ambiental”. A CIG fala de "incompetencia".

Imaxe: @briflaza
Imaxe: @briflaza

Os alcaldes de Cualedro, Xinzo, Trasmiras e Baltar, os catro concellos afectados polo gran indendio que en apenas 24 horas calcinou máis de 3.000 hectáreas, pedirán a declaración de zona catastrófica. Unha decisión da que informa Faro de Vigo e coa que estes rexedores procuran poder optar a axudas e liñas de financiamento que lles permitan facer fronte aos gastos e custos dos danos sufridos no patrimonio natural e infraestruturas viais. Nos vindeiros días estes alcaldes manterán unha xuntanza entre eles, unha vez que cada concello avalía o impacto das lapas no seu territorio.

Neste sentido, o maior incendio do ano en Galiza -e que arrasou 7 veces máis superficie da que ardeu en 2014- calcinou fragas, bosque autóctono e bosques de prantacións, o que supón un golpe á biodiversidade e tamén unha importante perda económica.

O lume, que se orixinou na parroquia de Lucenza (Cualedro) chegou a devorar 300 hectáreas por hora. A proximidade do lume ás casas provocou que a Consellaría do Medio Rural decretara o nivel de emerxencia dous, que implica a evacuación da veciñanza das súas vivendas e que require da adopción inmediata de medidas de protección e socorro. Nos labores de control deste lume participan 3 técnicos, 25 axentes forestais, 61 brigadas, 30 motobombas, 6 pas, 7 helicópteros e 9 avións. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) do Exército español.

O alcalde de Xinzo cualificou o incendio como un “acto de terrorismo ambiental” e expresou o seu convvencemento de que foi provocado. Unha liña que tamén se mantén desde a Consellería de Medio Rural. A conselleiro, miso si, xa manifestou que non ía comparecer no Parlamento para dar explicacións sobre este gran incendio. Tampouco o fará Feijóo malia as peticións de toda a oposición nese sentido.

CIG: incompetencia e mala xestión

Mediante un comunicado, CIG-autonómica de Ourense quixo denunciar "a incompetencia e mala xestión" que dende a Consellería do Medio Rural se fai respecto da xestión dos lumes forestais. "É especialmente grave o caso do mantemento e actual estado das autobombas, onde a Xunta conta con medios máis que obsoletos, vehículos nalgún caso con máis de 20 anos de uso e que en boa parte deles non contan co mecanismo de alta presión. Xa van varios casos onde a vida dos conductores de autobomba correu serio perigo".

Lumes como os que se produciron nesta fin de seman en Cualedro, afirman desde a CIG, evidencian "a nula política de prevención unida a un ano seco anunciaban un verán moi perigoso no que a lumes se refire".

comentarios