As crianzas soas toman as rúas en Pontevedra e Carballo para iren á escola

Hora de entrada no colexio e arredor de cincocentos nenos e nenas de Pontevedra saen da casa só con mochilas. Que falta? Algún adulto que vaia á súa beira. O concello implantou hai dous cursos e medio o programa Camiños Escolares que fai que cada mañá centos de nenos tomen as rúas con autonomía e seguridade. O Concello de Carballo comezou este curso a aplicar o programa con sorprendentes resultados. 

camiñosescolares
photo_camera camiñosescolares

En Pontevedra iniciouse hai dous cursos e medio cun programa piloto no colexio Álvarez Limeses do centro da cidade. O procedemento repetiuse até se implantar en todos os colexios do núcleo urbano. O protocolo é sempre o mesmo. Primeiro unha xuntanza convocada polo concello co claustro e a Anpa, logo asemblea aberta con pais e profesores e, a seguir, unha charla con expertos en seguridade vial. Despois desta primeira fase, pásaselle unha enquisa a nenos e nenas de máis de sete anos para coñecer os itinerarios e puntos conflitivos nos que se colocarán persoas colaboradoras e fálase con comerciantes que se sitúan nas rutas para os convidar a participar. A maioría acepta e nos seus establecementos locen un distintivo por se algún neno ou nena precisa algunha axudar recorra a esa casa amiga. 

“Tratábase de implicar a toda a comunidade e o resultado foi asombroso. Imos, por exemplo, falando un por un con todos os comerciantes e a colaboración é máxima. Estender o programa a toda a cidade era un reto mais conseguiuse”, explica Carme da Silva, concelleira responsábel da área que comproba cada mañá como a cidade aparece tomada con crianzas con mochilas que xa non van en coche ao colexio e moitos deles nin levan vixilancia familiar. Os resultados están á vista. Arredor de 500 van sós, inscritos no programa do Concello.

Seguridade para maiores, autonomía para a infancia

Porque para darlle máis seguridade a pais e nais anótanse nunha listaxe co fin de comunicar á comunidade que cada mañá van saír sós do domicilio co destino ao colexio. Todos os axentes implicados o saben e, por iso, cando un neno ou nena 

falta é preciso tamén anuncialo, senón o preciso mecanismo notaría a súa ausencia. “Este procedemento é o que dá seguridade a pais e nais -máis que aos propios nenos que non a precisan!- que permiten que vaian sós. Se un cativo non vai ao colexio ten que dicilo porque todas as mañás se conta con el. Trátase dun método para que as familias estean tranquilas mais todos os itinerarios están controlados e elimináronse os riscos”, explica Carme da Silva para quen a propia cidade preparouse durante anos para que as rúas non fosen hostís aos máis pequenos. Limitacións de velocidade, menos tráfico, beirarrúas amplas, sinalización especial nas saídas de garaxes... fan que a cidade se convertese nun espazo amábel coa infancia e que a aplicación do programa fose especialmente doada. 

“Contribúe a que gañen en autonomía e que podan mesmo resolver pequenos problemas. Coñecen a cidade a súa medida, saben que poden contar cos comerciantes do barrio e volven tomar as rúas, como antes”, comenta Carme da Silva que cada día comproba como máis cativada se suma a ir sen maiores ao colexio. Tamén desapareceron os atascos de coches á hora de entrada, do que se beneficia a cidadanía enteira. “Eses eran os momentos de máis risco, cando os coches estacionaban en calquera parte para deixar aos nenos e saían ás presas e despistados”, comen

ta afirmando que a cidade se fixo así máis cómoda. Os resultados son que en dous anos e medio non se rexistrou ningún incidente nos arredores dos colexios pontevedreses. 

Á medida dos pés

Co modelo de Pontevedra no horizonte, este curso o programa comezou a aplicarse en Carballo, un concello máis pequeno que está sentir xa os beneficios dunha acción municipal que non precisa grandes investimentos e ten, pola contra, uns efectos case inmediatos. Participación social, seguridade vial, aforro enerxético e formación en autonomía son só algúns deles. 

Despois das reunións previas, deseñar as rutas e facer un estudo de control de riscos, o programa comezou a aplicarse neste curso. “En pouco tempo fóronse sumando usuarios e estamos sorprendidos da boa acollida que tivo ademais da participación do voluntariado e da propia policía local”, explica Xosé Regueira, concelleiro responsábel da área en Carballo. “A idea é que a súa aplicación modifique o concello. Trátase dun programa de autonomía infantil e participación na actividade pública mais queremos que non se limite a entradas e saídas, senón que modifique o espazo público nos perímetros dos centros, máis acaídos á vida na rúa dos escolares”, explica Regueira quen prepara un programa de actividades complemenarias arredor de rúas e prazas. 

O proxecto que se manexa é aplicar o procedemento aos tres colexios do centro urbano de Carballo. Se no inicio do curso 19 eran os nenos e nenas anotados no colexio no que se puxo en marcha agora, apenas un mes despois, son xa medio cento. “A sociedade está a ver que Carballo non ten grandes distancias e pódese volver a camiñar, gañando en saúde e autonomía, aforrando en cartos e contaminación e poñendo en valor os espazos públicos”, comenta Regueira, sorprendido da boa acollida do programa e da colaboración de nais, pais e veciñanza. “Os nenos están encantados, failles ilusión ter máis autonomía. A verdade é que aprendemos todos con esta iniciativa”, sostén o concelleiro. 

Como Carme da Silva, Regueira considera que o éxito do programa vén tamén das accións previas que fan das cidades máis habitábeis. De feito, na reunión de seguimento desta semana xa se valorou ir reducindo chaleques amarelos e limitalos aos cruces nos que poida haber algún risco. Que as crianzas voltan tomar as rúas e gocen de espazos públicos e que saiban que, se nalgún momento rabuñan unha perna, terá un comerciante ou unha veciña para botarlle de seguida unha man. Porque para iso son colaboradores do programa “Camiños Escolares”. 

Comentarios