OPERACIÓN ZETA

Crespo négase a declarar e pon Feijóo no albo

A Operación Zeta continúa moi viva a escasos 4 meses das eleccións municipais. Esta segunda feira, o principal imputado da trama negouse a declarar, co cal a historia se prolonga no tempo, para desacougo de Monte Pío.

crespo

A ausencia dun informe da Axencia Tributaria foi invocada pola defensa de Gerardo Crespo  como argumento para o pretenso líder da trama se acoller ao seu dereito a non declarar esta segunda feira na súa comparencia perante un xulgado da Coruña.

Crespo si atendeu a imprensa, perante a que, predecibelmente, proclamou a súa “inocencia”.  Afirmou que todos os cursos de formación que se lle encarregaron foron realizados “auditados e aprobados pola Xunta”. E subliñou que Feijóo -e a conselleira Beatriz Mato- só racharon con el cando souberon que estaba a ser investigado.

Segundo as investigacións practicadas até o de agora, a trama orquestrada por Crespo obtivo 20 millóns de euros das administracións públicas (15 da Xunta e 5 do Estado) pola realización de cursos de formación que ou ben se realizaron con moitas deficiencias ou ben directamente non se impartiron.

No curso desta investigación, foi sinalado como conseguidor da trama o empresario madrileño Pachi Lucas, íntimo amigo do presidente da Xunta.

Crespo non dubidou en atacar esta segunda feira a Feijóo, ao que acusou de mentir, ao tempo que anunciaba unha querela contra a conselleira Beatriz Mato por ter proferido “calumnias” contra el.

En Monte Pío a preocupación é que Crespo vaia dosificando neste 2015 eleitoral toda a información da que di dispor en relación á implicación de altos cargos da Xunta nesta trama. “Todo está documentado e probado con gravacións e con testemuñas; iremos aos poucos, pero o xuíz vaino ter todo", dixo Crespo, quen anunciou tamén que el e o seu letrado demandarán que se tome declaración a "funcionarios" e a persoas "doutra categoría un pouco ambigua".

Comentarios