A "Coruña Wapa" chóvenlle as críticas na súa clausura

Sexista, antigalega, escurantista e fiasco. Ao evento “Coruña Wapa” que o goberno municipal de Carlos Negreira ideou para dinamizar o comercio chóvenlle as críticas na súa clausura. Esconder o nome da empresa concesionaria, empregar topónimos deturpados e o machismo dos seus lemas non sentaron ben ao BNG e EU e lémbranllo no balance. 

Coruñawapa
photo_camera Coruñawapa

“Coruña Wapa” pecha as súas portas e na conta de resultados ao BNG non lle falta case de nada para lamentar mesmo que o evento teña nacido. Ás acusacións de sexista e de ter vetado o galego súmaselle agora á de xestión escurantista e fiasco de público e vendas. 

O grupo municipal do BNG denuncia irregularidades na contratación do Servizo de organización, produción e comunicación de “Coruña Wapa”, un programa que naceu xa coa polémica do sexismo e o veto á nosa lingua. 

A piques de pechar as súas portas a edición de “Coruña Wapa” o perfil do contratante aínda contempla a lenda “en fase de valoración” sobre a empresa adxudicataria para as xestións de organización, produción e comunicación. O contrato con procedemento aberto por unha cantidade de 180.000 euros segue sen ser do dominio público e os nacionalistas solicitan por iso acceso ao expediente de contratación, acusando de “escurantista” ao goberno de Negreira, a quen estes días tamén lle están a reclamar que faga públicos os orzamentos municipais. 

Á de escurantismo súmase a crítica de fiasco nos resultados do evento.  Segundo o BNG, os comerciantes valoran que “Coruña Wapa” non supuxo  “ningunha dinamización real da actividade comercial” e, malia o alto orzamento lamentan que non se pubicitara o mercado de Santo Agostiño onde o comercio local puña a venda os seus produtos de oportunidades. 

“Antes muerta que sencilla”

O evento pecha como comezou, con críticas. A polémica sobardou o ámbito local e o grupo nacionalista pediu no Parlamento á Secretaria Xeral de Igualdade que se posicionara arredor de lemas sexistas como “Antes muerta que sencilla” ou “La belleza está en el interior del Vestidor” que utilizou a campaña do goberno municipal do PP. A concelleira Avia Veira presentara previamente a denuncia de sexismo perante o Observatorio da Secretaria Xeral de Igualdade. 

"A Concelleira Avia Veira enviáralle ao alcalde un compendio de leis relativas ao uso do galego por parte da Administración local e á normalización da lingua para denunciar o veto ao galego"

Se o pasado ano a pouca repercusión e as faltas de ortografía foran algunhas das críticas recibidas polo evento de moda, nesta edición, o sexismo, o veto ao galego e o escurantismo na xestión convertéronse nalgúns dos argumentos que a oposición esgrimiu para cuestionar o evento programado polo goberno de Negreira. O emprego da toponimia deturpada no evento organizado pola Concellaría de Emprego e Empresa e a ausencia da nosa lingua nunha actividade que tiña como obxectivo dinamizar a vida comercial da cidade provocaron tamén as queixas da Mesa pola Normalización Lingüística. A Concelleira Avia Veira enviáralle ao alcalde un compendio de leis relativas ao uso do galego por parte da Administración local e á normalización da lingua para denunciar o veto ao galego que quedou á vista de maneira especial en todos os soportes da campaña de Coruña Wapa. 

No balance do programa, o grupo municipal de Esquerda Unida-Os Verdes pregúntase se “tanto pase de modelos e tanto despropósito tiveron algo que ver coa dinamización do goberno local.” “Por outra banda, resulta certamente contraditorio vincular gastronomía e pases de modelos, cando por norma xeral, ás modelos que participan non semellan comer demasiado”, din na nota de prensa na que piden contas polos 240.000 euros investidos no evento que cualifican de “flagrante fracaso para a dinamización do comercio local”. O voceiro César Santiso critica o sexismo do evento e o seu deseño nada acaído para as urxencias que ten a cidade neste momento. 

Comentarios