Corina Porro mantén o seu salario de 71.385 euros cando llelo baixa a todos os traballadores do CES

A Corina Porro non lle afecta a crise mália ter rebaixado todos os soldos das persoas traballadoras no Consello Económico e Social que preside. O seu salario mantense íntegro nos 71.385 euros, o que provocou un grande debate na súa comparecencia no Parlamento. 

Corina Porro
photo_camera Corina Porro

A presidenta do CES falou da “austeridade” mais, de seguido, os tres grupos da oposición botáronlle en cara que ese concepto non pasaba polo seu salario. Corina Porro rebaixou o soldo de todo o cadro de persoal do consello a non ser o dela propria, que se mantén en 71.385, un dos máis altos da administración. Ademais, a presidenta conserva unha directora de gabinete á que lle asigna 28.599 euros como salario. Por poñer un exemplo da rebaixa do resto das e dos traballadores, o administrador da rede pasou de gañar 29.891 no pasado ano aos 28.033 que recibirá no presente. A presidenta do CES xustificou a rebaixa pola eliminación da paga extra.

Corina Porro defendeu, porén, a fusión do organismo co Consello Galego de Relacións Laborais, proceso que se executará unha vez se tramite a lei que contempla a unificación das dúas entidades. O BNG, a través de Carme Adán, defendeu a existencia do CES “como organismo de participación da cidadanía que garante a democracia, á maneira dos que existen en toda Europa”. Fajardo, de AGE, solicitou que o movemento 15 M tivera representación no CES.

O salario da presidenta do CES é máis alto que o do presidente do Goberno galego.

Comentarios