Os corenta anos de loita polo dereito ao aborto que Gallardón quere tombar

Documentos, datas, imaxes... todo un conxunto documental a través do que se explican corenta anos do movemento feminista a loitar polo dereito ao aborto libre. O Álbum de Mulleres da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura galega publica as probas dunha longa reivindicación que o ministro Gallardón quere botar abaixo. 

Manifestación polo Aborto
photo_camera Manifestación polo Aborto

Unha colección documental única do movemento feminista móstrase no especial que o Álbum de Mulleres da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega publica nestes días nos que se agarda a contrarreforma promovida polo PP a través do ministro Gallardón contra a loita de corenta anos polo dereito ao aborto libre. 

Documentos de colectivos feministas que van desde panfletos, imaxes, cartaces, chapas, materiais diversos e datas significativas compoñen este especial que o Álbum de mulleres disponibiliza xa na rede. A loita pola legalización do aborto desde a década dos setenta resúmese por medio dos propios documentos que se xeraron. Desde os inicios dos anos setenta, as mobilizacións para reclamar o aborto libre estiveron no centro do movemento feminista e, en especial desde o inicio do proceso xudicial contra as “11 de Bilbao” en 1979 cando as campañas se intensifiquen e se fagan máis visíbeis, como queda constancia na documentación do especial do Álbum das Mulleres.

Organizacións e activistas

O material, que procede de activistas e organizacións do propio movemento feminista, revisa tamén a actividade na década dos noventa e no que vai do novo século. Desde o enfrontamento ao apoio da Xunta á Red Madre até a aprobación da nova lei co PSOE no goberno en 2010. 

O último dos episodios recolle, claro está, a nova campaña do feminismo contra a Lei de Protección de los Derechos del Concebido y de la Mujer Embarazada que o PP por medio do seu ministro Gallardón está a piques de aprobar. Para acceder ao informe coa documentación pódese premer aquí. 

Comentarios