A Coordenadora das Preferentes reúnese con Escotet e reclama a devolución íntegra dos cartos

Representantes da Coordinadora de Afectad@s por Preferentes e Subordinadas reuniranse esta sexta feira día 4 de abril con Juan Carlos Escotet, futuro propietario de NovaGalicia Banco xunto co Director Xeral, Francisco Botas. Na xuntanza reclamarán a devolución íntegra dos 500 millóns de euros de 35.000 persoas afectadas. 

preferentes
photo_camera preferentes

A xuntanza entre representantes da Coordinadora de Afectad@s por Preferentes e Subordinadas terá lugar ás 12.45 horas no Centro Social de Novacaixagalicia, en Compostela. Desde a entidade convocaron a membros de todas as plataformas do país mais sen dar a coñecer ningunha orde do día da xuntanza. Saben que asistirán o comprador Juan Carlos Escotet e o Director Xeral de NGB, Francisco Botas. A Coordinadora tiña solicitado a reunión a comezos do mes de xaneiro e terá lugar noventa días despois de que o que será futuro propietario de NGB prometera dar unha solución á estafa que aínda afecta a 35.000 persoas que non conseguiron acceder aos 500 millóns de euros que teñen en preferentes e subordinadas. 

“A demanda da Coordinadora é unha, que todos os afectados e afectadas recuperen o cen por cen dos seus cartos”, insiste Xulio Vicente, da Plataforma do Baixo Miño unha das máis activas do país que quere que da xuntanza saian solucións para os diferentes casos que neste momento se dan n@s afectad@s, xa que unha parte presentaron demanda, outra asinaron a quita, algúns cobraron parte dos cartos, outros aínda nada e hai quen tamén tivo que facerse cargo dos gastos dos procedementos xudiciais. O mércores próximo, a Coordinadora manterá tamén en Madrid unha reunión co director do FROB. 

Solucións por escrito

“Agardamos que estes movementos non respondan á mesma intención que fixo que Feijóo prometera solucións na campaña das autonómicas e polas que aínda estamos agardando. Pode que faltan uns trinta días para que Escotet se faga formalmente dono do banco mais non pasamos por menos dun compromiso por escrito coas condicións que se negocien, sempre co pago do cen por ce do que se adebeda”, explica Xulio Vicente. 

Aínda na xornada da quinta feira, a Plataforma do Baixo Miño permaneceu pechada durante dúas horas nas oficinas centrais de Tui mentres na Estrada se debatía en pleno unha moción do BNG sobre as preferentes e en Lugo saíase á rúa na mobilización semanal, entre outros actos de protesta que se desenvolven por todo o país case diariamente.

Comentarios