Convocan para o 27 de xaneiro novas mobilizacións contra o repagamento

A Iniciativa Galega Pola Gratuidade da Sanidade e SOS Sanidade Pública convocan mobilizacións para a segunda feira, 27 de xaneiro, diante dos hospitais para esixiren que a Xunta non aplique o repagamento farmacéutico a doentes crónicos. A medida, segundo di, “é cruel porque establece un imposto á enfermidade”. 

Manifestación pola Sanidade Pública en Vigo
photo_camera Manifestación pola Sanidade Pública en Vigo

Diante dos catorce hospitais desenvolverase unha nova mobilización convocada pola Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade e SOS Sanidade Pública co fin de esixir á Xunta que non aplique o copagamento que, segundo din, prexudica de maneira grave aos colectivos afectados pola enfermidade que, en moitos dos casos, “non poderán facer fronte aos pagos pola súa vulnerabilidade económica e social”.

As entidades convocantes fan un chamamento á sociedade para que participen nas mobilizacións que terán lugar diante dos hospitais de  Monforte de Lemos, A Coruña, Ferrol, Santiago, Cee, Ribeira, Lugo, Burela, Ourense, O Barco, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Verín contra o que consideran un “imposto á enfermidade” que penaliza doentes de cancro, esclerose múltiple, leucemia ou artrose nunha medida que consideran “irracional e inxusta”. A medida suporá, segundo sinalan, maiores dificultade para accederen aos medicamentos por parte das persoas con enfermidades crónicas. 

Segundo os datos que manexan as entidades convocantes, as persoas e familias afectadas incrementan os seus gastos entre 400 e 600 euros con moitos dos casos nos que a propia enfermidade conleva o posto de traballo propio ou dalgún familiar.  Por riba, a medida, segundo A Iniciativa Galega pola Gratuidade e SOS Sanidade Pública non cumpre os argumentos que a administración emprega para xustificar o copagamento, é dicir nin é disuasorio nin vai supor aforro para a sanidade pública. Os pacientes non teñen, segundo sinalan, capacidade para acumular fármacos xa que a prescrición depende de especialistas clínicos e a administración dos servizos de farmacia hospitalarios. Por outra banda, apuntan que os gastos de persoal e equipamento que a administración precisa para efectuar o cobro dos fármacos suporán un maior investimento que os ingresos que a medida produza. 

Cospedal sen copagamento, Feijóo, si

Castilla La Mancha, que preside a Secretaria Xeral do PP, non vai aplicar o copagamento e este é o exemplo que a Iniciativa e SOS Sanidade Pública empregan para botar abaixo o argumento da Consellaría de Sanidade galega da obrigatoriedade da súa aplicación para “garantir a cohesión e a harmonización do sistema sanitario”. Varios gobernos rexentados polo PP anunciaron que asumiran o pago dos medicamentos con cargo aos seus orzamentos públicos . 

Concellos, organizacións veciñais e sanitarias, organizacións profesionais, colectivos de Inmigrantes, ONGs, sindicatos e organizacións políticas e a totalidade das Plataformas en defensa da sanidade intégranse na Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade e SOS Sanidade Pública. 

A Iniciativa convocara en novembro concentracións diante dos hospitais co lema “O repago mata. Nin unha persoa morta por falta de recursos. Por unha sanidade Galega pública e gratuíta” para, en decembro, se produciren dúas xornadas de folga e mobilizacións no sistema sanitario público contra as políticas privatizadoras do PP.

Comentarios