Continúa a campaña para a recuperación das augas termais de Cuntis para uso público

Cunha conferencia de Alba Nogueira, especialista na lexislación de augas termais, A Plataforma Veciñal na Recuperación do Patrimonio Termal continúa a demandar o uso veciñal para as fontes de auga en espazo público. 

Termas de Cuntis
photo_camera Termas de Cuntis

A Plataforma Veciñal na Recuperación do Patrimonio Termal continúa a súa campaña co fin de dar a coñecer á sociedade, de maneira especial á veciñanza do concello, a situación legal das augas termais e minerais. Con este fin, a profesora de Dereito, Alba nogueira, dará hoxe unha conferencia na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres na que se achegará ás augas termais desde o aspecto xurídico. 

A profesora Alba Nogueira é das especialistas a nivel internacional da lexislación arredor das augas termais e explicará na súa intervención a situación na que se atopan os mananciais de Cuntis e, por extensión, as augas termais galegas. Alba Nogueira ten xa asesorado á Plataforma na súa loita pola defensa do uso comunitario das termas, controladas por unha empresa privada e afastadas do acceso da veciñanza. 

A conferencia, que terá lugar ás 20:30 horas achegaranse persoas de Cuntis e Caldas de Reis interesadas na recuperación do acceso público ás augas termais. De Alba Nogueira destacan o ser unha das persoas que mellor coñecen a lexislación de augas termais, á que lle ten dedicado numerosas publicacións. 

Acceso limitado

En Cuntis, unha empresa privada limitou o acceso a auga quentes como a burga do Castro, que toda a veciñanza viña a utilizar dende tempo inmemorial. Algúns lembran como nos anos corenta este citado manancial que está en territorio privado tiña acceso aberto para o seu uso.

“A lei de augas do 85 considera que todas as augas fluviais son públicas, mesmo as soterradas. Recentemente pecharon as burgas e nas que está no centro do pobo a empresa ten dereitos de explotación”explica Héitor Picallo, inxeñeiro e membro da Asociación O Fervedoiro que reclama por medio de distintas iniciativas o acceso público a devandita burga do Castro. Dúas son as fontes que en espazo público viñan empregando a veciñanza, unha verte cara ao espazo público e incluso cara aos lavadoiros municipais (sita na Praza de Galiza) e outra está enfronte do Hotel da Virxe, no centro da vila. “Son dereitos e propiedades adquiridas dende hai tempo que se van esfarelando cara aos veciños. Ninguén debera ser propietario dun recurso natural”, comenta Picallo. 

A empresa que xestiona o balneario dispón dun caudal diario de 2.500.000 litros de auga quente e ten máis de vinte mananciais declarados na Consellaría de Industrias. As burgas que manan en zonas públicas botan ao día 81.000 litros de auga quente, e dicir, só o 3,3% do caudal que se produce mana en zonas públicas. A Plataforma busca facer prevalecer os dereitos da veciñanza. E así botaron a andar unha recollida de sinatura e levaron o tema ao pleno do Concello cunha iniciativa que foi aprobada por todos os grupos co obxectivo de que as augas termais volvan ser da veciñanza e con acceso aberto.

Comentarios