ESTUDO PUBLICADO POR ADEGA

A contaminación das industrias galegas duplica a media estatal, denuncia o biólogo Ramón Varela

Galiza ocupa o primeiro lugar do Estado en contaminación por perfluorocarburos, o terceiro en emisión de fluor e partículas e o cuarto por dióxido de carbono procedentes da industria.

Ence
photo_camera Ence

O doutor en bioloxía e experto en contaminación atmosférica, Ramón Varela, publica no portal de ADEGA un artigo no que denuncia que a contaminación das principais industrias galegas duplica a media estatal. 

Cos novos datos publicados polo Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes, Galiza seguiría, segundo Ramón Varela, no mesmo nivel de contaminación que en 1990. As grandes industrias, en especial as multinacionais do sector da electricidade, automóbil, petróleo, aluminio ou madeira, levan ao país ao cuarto posto do Estado por emisión de dióxido de carbono, un 12% do total estatal é galego; o 76% da contaminación de perfluorocarburos ten a súa orixe nas industrias galegas que se sitúan neste ámbito no primeiro posto, e co 21% e o 15,7% Galiza está no terceiro lugar por emisión de fluor e partículas (PM10). A contaminación por dióxido de xofre, mercurio, cloro, monóxido de carbono e outras substancias levan a que a contaminación das industrias galegas duplique a media estatal. 

Poucas industrias, moi contaminantes

“Todas as porcentaxes son extremadamente elevadas tendo en conta o número e tamaño da nosa industria, a poboación, a extensión xeográfica, o noso nivel de vida...”, denuncia o biólogo para quen “Galiza está a soportar unha contaminación que non merece” e que repercute non só no medio ambiente senón na saúde e no índice de mortalidade ou no efecto invernadoiro ou a destrución da capa de ozono. 

 A contaminación por dióxido de xofre, mercurio, cloro, monóxido de carbono e outras substancias levan a que a contaminación das industrias galegas duplique a media estatal 

Para Ramón Varela, Galiza soporta “valores extremadamente elevados” de emisións contaminantes tendo en conta que ten menos do 3% dos complexos industriais do Estado. “Aínda sendo alta a contaminación os focos contaminantes son moi poucos”, explica o experto que sitúa entre os principais suxeitos contaminantes a térmica das Pontes, Alcoa, a Refinería de petróleo de Repsol, ENCE, Ferroatlántica ou Finsa que “emiten á atmosfera un volume de contaminantes moi elevado en dióxido e monóxido de carbono, dióxido de xofre, compostos de nitróxeno, metano...”. “O beneficio duns poucos non pode ser o dano de moitos”, conclúe o biólogo para quen é preciso diminuír as emisións de gases e partículas contaminantes que están a prexudicar tanto á saúde dos ecosistemas como a nosa propia saúde. 

Comentarios