Conseguir que o 70% dos libros vendidos sexan en galego non é un soño

A Praza dos Libros de Carballo consolídase como punto de encontro. Máis de 2.000 persoas tomaron parte nas diferentes actividades.

praza dos libros carballo
photo_camera praza dos libros carballo

A Praza dos Libros 2014 que decorreu en Carballo desde o 18 ao 31 de agosto merece unha valoración positiva tanto para o Concello como para as librarías participantes. A importante afluencia de visitantes, a participación nas actividades e o lixeiro aumento en vendas a respecto do exercicio anterior son algúns dos elementos a destacar.

Durante os catro días desta feira da creatividade cultural pasaron pola Praza dos Libros miles de persoas e arredor de 2.000 participaron nas case 20 actividades programadas, entre presentacións de libros, obradoiros, actividades de animación, contacontos, concertos infantís, etc.

Vendéronse na Praza dos Libros uns 1.600 libros, o 67% dos cales en galego. Por cuarto ano consecutivo, na Praza dos Libros de Carballo vendéronse máis títulos en galego ca en castelán, algo que se incrementou notablemente desde o ano pasado e que este ano chega aos dous terzos de libros vendidos na lingua propia do país. Os máis vendidos foron a obra colectiva Contos de Taberna, baseada en bares de Carballo; Contos do Mar de Irlanda, do polifacético artista Xurxo Souto, que a presentou na feira o domingo pola mañá; o poemario Ningún amante sabe conducir, da carballesa Rosalía Fernández Rial; e Salseiros, de Suso Lista.

Comentarios