Condutor do comboio sinistrado: ''Cando activei o freo era inevitábel xa''

Por volta de 50 minutos durou o interrogatorio que o fiscal Antonio Roma practicou a Francisco José Garzón, o maquinista do tren que descarrilou en Angrois a noite do 24 de Xullo. O traballador sostén que "aínda agora non comprendo" o acontecido e continúa a falar en presente: "a curva xa vexo que non a paso, non a paso, non a paso"


Francisco José Garzón, o condutor do Alvia sinistrado en Angrois, declarou no serán deste domingo perante o xuíz encargado da instrución do caso, Luís Aláez, rozando o linde máximo das 72h de que dispuña a policía para deixalo en liberdade ou poñelo a disposición xudicial.

Após prestar testemuño quedou en liberdade, imputado por 79 homicidios por imprudencia profesional. Aláez ordenou tamén a retirada do seu pasaporte e inhabilitouno durante seis meses para conducir comboios. A gravación coas súas palabras publicouno esta cuarta feira o xornal español El País. Coa voz trémula, asegura que "aínda non comprendo agora" o que aconteceu nos minutos anteriores ás 20.42h do 24 de Xullo e enfatiza que "cando activei o freo era inevitábel xa".

"Sinceramente, dígolle que non sei o que pasou", reitera Garzón, quen informa de que activou o sistema de freado antes de chegar á curva da Grandeira. Porén, "xa vexo que a curva non a paso, non a paso, non a paso..." Á pregunta do fiscal sobre se consumiu alcol ou algunha substancia que mermase a súa capacidade para manexar o comboio, o maquinista responde que "o único, café" e que "se soubese o que estaba a pensar non o pensaría porque non estou tan tolo para non frear". 

Recoñeceu saber que a velocidade na curva estaba limitada a 80km/h, se ben el viaxaba no tramo previo "a 180-190" (a velocidade estaría limitada a 200km/h) e cando quixo frear "non me deu tempo a nada". Garzón tamén explicou que o Ipad "lévoo para traballar e non saio da páxina de Renfe" onde consulta o mapa dos traxectos.

O maquinista subira ao comboio só uns corenta minutos antes do sinistro, en Ourense, para relevar o outro condutor do comboio. Hai xa varios anos que Renfe determinou que en cada tren só irá un maquinista en cabina --antes ían dous--, aínda que entre @s pasaxeir@s viaxe un segundo condutor que fará o relevo nos traxectos longos.

Comentarios