domingo 19.01.2020

O condutor do comboio premeu o botón de alerta antes de entrar na curva de Angrois

Na primeira reconstrución dos feitos, o maquinista dixo que se lle activou a luz de alerta no seu cadro de mandos e que ao momento comunicou que recibira a advertencia de que circulaba por riba da velocidade permitida. Mais o certo é que o tren non freou a tempo. Haberá que determinar agora se existiu algún tipo de fallo mecánico que impidese a redución de velocidade.

[Imaxe:Olalla Rodil]
[Imaxe:Olalla Rodil]


O condutor do comboio que descarrilou en Angrois, F.J.G., recoñeceu na súa primeira reconstrución dos feitos que no seu cadro de mandos se activou a alerta de que viaxaba por riba da velocidade permitida e que premeu ao momento o botón que comunicaba que recibira a mensaxe.

Na declaración que fixo desde o hospital, onde fica ingresado e custodiado pola policía, admitiu a súa neglixencia, xa recollida nas gravacións da conversa que mantivo coa estación de Compostela, onde aseguraba que a velocidade a que viaxaba o Alvia eran os 190km/h.

A velocidade máxima permitida no Alvia son 285km/h

No tramo anterior á curva, o maquinista, con 32 anos de experiencia ás costas, circulaba a 200km/h, correctamente. A velocidade máxima permitida para este tipo de trens son os 285km/h. Con todo, a curva tomouna a 110km/h por riba do linde que marca o sinal colocado nas vías:80km/h.

Non lle deu tempo a frear porque os catro quilómetros que abrangue o acceso á estación de Compostela non son de nova construción, senón unha adaptación do vello trazado e non está instalado o sistema de freado ERTMS, propio da alta velocidade e que tería rebaixado de maneira automática a velocidade do comboio. Ao funcionar outro máis antigo, o ASFA, o freado depende unicamente do factor humano.

A empresa á quen se lle adxudicou o sistema de sinalización e seguridade do tramo Ourense-Santiago da alta velocidade, Thales, confirmou que o sistema ERTMS está instalado até o quilómetro 80 da liña tal e como aparecía no concurso, e que foi probado e entregado en novembro de 2011. Porén, non saben explicar por que non se licitou a instalación deste dispositivo até a estación de Compostela.

O maquinista nin está detido nin está imputado

Neglixencia recoñecida á marxe, en declaracións á Radio Galega o xuíz Antonio Vázquez Taín, auxiliar do instrutor do caso, Luis Alae, desmentiu as informacións publicadas na imprensa e recalcou que non  está detido. Nin sequera está imputado, pois só prestou declaración --en calidade de imputado, iso si, non como testemuña-- perante a Policía Xudicial, e non perante o xuíz Alae.

"As probas técnicas do sinistro están debidamente custodiadas. Agora, primeiro ouviremos a súa explicación dos feitos e despois xa se decidirá se fica imputado, de acordo?", concluíu Vázquez Taín.

comentarios