Condenan Novagalicia Banco a lle devolver os 28.000€ estafados a unha veciña de Oleiros

Un xulgado da Coruña anula en primeira instancia o contrato de adquisición de participacións preferentes nunha sucursal de Caixanova tomando en conta a consideración de minorista da demandante e a relación de confianza que existía coa entidade local


Novagalicia Banco terá que lle devolver a unha estafada coas preferentes os 28.000 euros que gastou neste produto tóxico. Aliás, pagará tamén os xuros, incrementados en dous puntos, que correspondan desde o 3 de xuño de 2009, data da contratación, até o 12 de abril de 2013, data en que se emitiu a sentenza xudicial que obriga a tales condicións.

A resolución foi ditada polo xulgado de primeira instancia nº4 da Coruña, estimando a demanda interposta por E.L.P. e declarando nulo o contrato de adquisición de participacións preferentes da entidade xa disolta Caixanova na sucursal de Perillo, en Oleiros. 

Considera o tribunal que a compra pode ficar anulada por erro nas cualidades esenciais no produto adquirido e tomando en conta a condición de minorista da demandante, a relación de confianza que existía entre ela e a entidade local. Aliás, acrecenta como argumento "o novidoso, complexo e atípico das preferentes como produto financeiro híbrido". 

Comentarios