Condenados os tres mozos independentistas, mais non irán ao cárcere

Brandám, Simom e Raúl recoñeceron a súa culpabilidade e aceptaron unha pena de tres anos e medio de privación de liberdade, propiciando un acordo entre as partes que derivou na suspensión do xuízo. Briga, organización xuvenil independentista á que pertencen, mantén que foi un proceso "político" onde "a palabra de funcionarios armados" primou sobre a realidade dos feitos, acontecidos durante a Jornada de Luita do 24 de xullo de 2011
photo_camera Protesta ás portas do xulgado

Os tres mozos militantes da organización independentista Briga que foron xulgados pola súa participación nunha rondalla na noite da Patria de 2011 non irán ao cárcere. A acusación pedía para eles 17 anos de privación de liberdade, mais un acordo coa fiscalía rebaixou a pena a tres anos e medio, polo que non entrarán na prisión. A cambio, os encausados, Brandám, Simom e Raúl, recoñeceron a súa culpabilidade polos feitos que se lles imputaban e aceptaron a condena menor. O acordo entre as partes deu lugar á suspensión do xuízo.

Segundo a sentencia, Brandam foi condenado a un ano de prisión por un delito de atentado e a seis meses por lesións; para Simom decretáronse seis meses de cárcere por resistencia á autoridade e outros seis por desordes públicas; e Raúl tería que afrontar un ano de privación de liberdade por estragos.

Porén, Briga considera que o proceso ao que tiveron que se enfrontar os tres mozos, celebrado o día 8 nos xulgados de Fontiñas de Compostela, é "un xuízo político" e recalca que os independentistas son "vítimas dunha durísima persecución policial" que os deixou "en situación de indefensión" após unha fase de instrución en que a policía "ratificouse na construción de probas falsas" que derivaron nunha petición de 17 anos de cárcere. Os feitos que se lles imputaban aconteceran na Jornada de Luita do 24 de xullo de 2011, na véspera do Día da Patria. Ás portas do xulgado e ao berro de 'Non son terroristas, son independentistas', ducias de persoas reclamaron a súa absolución.

Comentarios