Conde Roa, imputado tamén na Pokemon

O ex-alcalde de Compostela, Gerardo Conde Roa é o novo imputado pola xuiza Pilar de Lara na operación Manga, derivada da Pokémon. O que fora candidato do PP ás eleccións dimitira ao ser imputado por fraude fiscal. Aparece así no mesmo caso do que fora a súa man dereita Angel Espadas, agora na cadea.
Conde Roa e Núñez Feijóo
photo_camera Conde Roa e Núñez Feijóo

O día 14 de febreiro, o Servizo de Vixiancia Aduaneira rexistrara durante catro horas o domicilio de Conde Roa en Compostela.O ex-alcalde da cidade non foi inmediatamente imputado mais xa se barallaba a posibilidade de que, nalgún momento fose chamado pola xuíza no caso que xa implicou un feixe de persoas vinculadas ao goberno municipal. A razón da imputación pode estar na relación co directivo de Aquagest, José Luís Mïguez, e co que fora a súa man dereita, Ángel Espadas, os dous na cadea.

A trama que fixo abrir á xuiza Pilar de Lara a operación Manga, dentro da operación Pokemon, está a se dirixir ao que fora o núcleo duro do goberno municipal unha vez o PP gañara por moi poucos votos as eleccións municipais. Dous nomes albíscabanse entón como homes fortes do que sería o novo goberno, o cabeza de lista, Xerardo Conde Roa, e o que estaba chamado a o acompañar no número tres da lista, o seu home de confianza até entón, Angel Espadas, ariete bronco do anterior goberno do BNG-PSOE.

Historia dunha traición

Tanto un coma outro protagonizaran singulares episodios que evidenciaban a súa particular maneira de facer política. O máis sonado deles, a visita de Espadas coa concelleira Paula Prado, á festa do Campus Sur acompañada dos medios, para denunciar o botellón.

Espadas medrou ao abeiro de Conde Roa, que o converteu na súa man dereita e con quen era fácil velos compartir tamén tempo de ocio. Diante da posibilidade de que o PP gañase as eleccións, prevíase que Espadas ocupase algunhas das carteiras máis fortes do goberno municipal mais ao ser collido durmido nun semáforo cun alto grao de alcol tivo que desistir de ir nas listas mais non desapareceu da esfera política compostelán. Deste episodio ven unha das acusacións que pesan sobre o alcalde Ángel Currás e o que fora concelleiro de Seguridade, denunciados xunto coa xefa de área de seguridade, Mar Hinojosa, por “acoso laboral” contra o xefe da policía municipal que elaborou o informe.

Pasadas as eleccións municipais e con Conde Roa no goberno, Espadas voltaría a emerxer aínda con máis poder. Para el reservara o que fora o seu amigo a praza de xefe de gabinete con capacidade de director transversal. Repártense todas as áreas de goberno agás a de Festas que queda baixo a dirección dunha comisión sobre a que gobernaba Ángel Espadas e na que participou o empresario Suso Fuentes, tamén imputado, que trouxo da súa man a Santiago a Rafael Amargo ou a obra de teatro “Ni contigo ni sin ti” e na que colaboraba a empresa Aquagest como patrocinadora de eventos. O xerente da empresa, José Luís Míguez, está en prisión ao se negar a declarar.

A perda de confianza de Conde Roa e Ángel Espadas vén despois de ter sido filtrada á imprensa as fortes débedas de Conde Roa con Facenda, acción que na contorna do entón alcalde sempre se sospeitou que viña do PP provincial, que tiña como principais peóns ao propio Ángel Espadas e Paula Prado. Conde Roa viuse na obriga de demitir, mais tivo aínda posibilidade de escoller o seu sucesor, un Currás que como primeira medida fixo desaparecer do goberno municipal a Ángel Espadas.

Comentarios