O ex asesor de Conde Roa, Ángel Espadas, sae do cárcere

Persoas vinculadas ao PP en Compostela pedira a súa posta en liberdade argüíndo que "é inxusto que persoas que non mataron ninguén e sen seren xulgadas boten tanto tempo na cadea". A xuíza ordenou a detención do ex director de Aquagest na Galiza no aeroporto de Madrid


Ángel Espadas, ex asesor de quen foi alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, saíu do cárcere após pagar unha fianza de 10.000 euros. A Audiencia provincial de Lugo rexeitou hai un mes un recurso interposto pola defensa de Espadas para que fose posto en liberdade. 

Valorou que "as elevadas penas que carrexan os delitos que se lle imputan evidencian un risco de fuga". Acrecentou este tribunal que as investigacións que fican abertas ao redor da operación Pokemon e da súa póla, a Manga, "poderían verse frustradas" se Espadas ficase ceivo "esencialmente polo papel relevante que ostenta na trama que se investiga".

Após un segundo escrito solicitando a súa liberdade, a titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara, emitiu un auto nesta dirección. Impuxo como medidas cautelares unha fianza de 10 mil euros, a obriga de comparecer nos xulgados todas as semanas e a prohibición de abandonar o Estado español. Esta quinta feita, ao seu regreso dunha viaxe a Colombia, prenderon no aeroporto español de Barajas o que foi director de Aquagest na Galiza, Henry Laíño, por orde de Pilar de Lara.

PP: "É inxusto que persoas que non mataron ninguén nin foron xulgadas boten tanto tempo na cadea"

Após dous días no módulo de illamento do penal de Teixeiro (Galiza), Espadas pasou o resto da súa estadía na enfermaría da prisión após sinalar que padecía de depresión. Unha vez en liberdade dixo atoparse "animicamente roto". A xuíza mantenlle a imputación en varios delitos relacionados cunha trama de corrupción en administracións galegas e catalás para favorecer con contratos públicos as empresas Véndex, Aquagest e GRS Arc Local.

O seu encarceramento, no marco da operación Manga contra a corrupción, provocou unha das poucas saídas da dereita ás rúas. Unha mobilización en Compostela pediu a súa posta en liberdade canda a do ex delegado de Aquagest na cidade, José Luis Miguez.

Considera o PP que "é inxusto que persoas que non mataron ninguén e sen seren xulgadas boten tanto tempo na cadea". Espadas ingresou na cadea o 16 de febreiro, polo que ficou preso 2 meses e 19 días.

Comentarios