Concentracións de empregados públicos contra as agresións do goberno do PP

Milleiros de traballadores e traballadoras expresan na rúa o rexeitamento aos recortes anunciados por Mariano Rajoy
Concentración na Coruña
photo_camera Concentración na Coruña

Coincidindo co transcurso do Consello de Ministros, milleiros de empregadas e empregados públicos protagonizaron diversas concentracións na Galiza para rexeitar unhas medidas que consideran unha agresión en toda regla aos seus dereitos. Unha desas mobilizacións foi a que decorreu na Coruña, diante do edificio administrativo da Xunta en Monelos, e na que participaron, segundo presentes na mesma, 500 persoas.

Mais non só en Coruña, senón que houbo concentracións en todas as cidades do país e en non poucas vilas. O malestar entre o funcionariado, e o conxunto dos emrpegados públicos, é máis que evidente, ao ser albo de recorte tras recorte, tanto en salarios como en dereitos. 

Desde centrais sindicais como a CIG se considera unha indecencia que o PP pretenda que sexan as empregadas e empregados do sector público quen paguen as consecuencias dunha política económica errática, concibida en beneficio exclusivo do poder financeiro para favorecer os intereses dos mercados especulativos.

Comentarios