Concentración contra a eliminación de alimentos dos supermercados e polo reparto a quen os necesitar

A Asemblea de Desempergad@s da CIG convoca para o domingo 16 de decembro ás 12.30 unha concentración diante do Alcampo de Ferrol para mostrar o rexeitamento á eliminación de alimentos prontos a caducar e en demanda do seu reparto ás persoas que o precisaren.

 
Imaxe do cartaz.
photo_camera Imaxe do cartaz.

O supermercado Alcampo negouse a dar conta do destino dos alimentos que están próximos a caducar, unha vez fose requerido dentro da campaña que a Asemblea de Desempregad@s da CIG están a desenvolver desde o mes de xuño co obxectivo de que eses produtos sexan destinados a quen os precisar. É por iso que agora convocan unha concentración de denuncia diante do estabelecemento en Ferrol.

Imaxes de persoas remexendo nos contentores á procura de comida forman parte dos argumentos de que a Asemblea de Desempregad@s bota man para explicar a súa campaña, que comezou no mes de xuño coa expropiación simbólica de produtos de primeira necesidade nun supermercado de Ferrol. Buscan manter un debate social arredor da “dramática situación pola que están a atravesar moitas persoas desempregadas que non contan con ningún ingreso económico”.

Reclaman, ao tempo, diversas medidas de carácter social para paliar as situacións extremas que se están a dar en persoas que están pasando fame. Entre elas, solicitan a creación de comedores sociais nos barrios, economatos populares para adquirir alimentos a baixo prezo, bancos de alimentos de control públicos, comedores escolares gratuítos para quen o necesita, renda básica para quen non percibe prestación e un servizo municipal de xestión e recollida de alimentos próximos á caducidade.

A Asemblea de Desempregad@s presentou tamén diante da Fiscalía de Ferrol unha denuncia na que se solicita que se abra unha investigación para coñecer o destino que os supermercados lle estás a dar aos alimentos con datas de caducidade próximas ao tempo que reclaman responsabilidades penais.