Concellos insubmisos aos recortes fan fronte ao goberno español

Riotorto, Bueu, Arousa e Poio pagarán a paga extraordinaria @s traballador@s públic@s malia as ameazas do ministerio de Facenda e o recurso xudicial presentado pola delegación do goberno español contra o concello de Pontevedra.

Diversas son as opcións acordadas en cada un dos concellos á fin de compensar a queda dos salarios d@s empregad@s públic@s após a decisión do executivo liderado por Mariano Rajoy de conxelar a paga extraordinaria de decembro. No entanto, todos eles comparten a mesma vontade: declarárense insubmisos perante os recortes do goberno español.

Riotorto foi o primeiro concello en anunciar que non cumpriría o ditame chegado desde Madrid e que se rebeleraría contra o Decreto-Lei 20/2011 polo que se fixa unha redución retributiva para as persoas que traballan na administración. "Nós estamos no concello para defender aos nosos veciños e veciñas e non para aprobar medidas inxustas que os prexudican”, aseveraba no mes de agosto o seu alcalde, Federico Gutiérrez. Porén, pouco despois concellos como o de Pontevedra sumábanse ao posicionamento anunciado a nivel nacional polo Bloque Nacionalista Galego e declarábanse insubmisos ás "políticas anti-sociais do Partido Popular", como afirmaba o voceiro nacional da organización frontista, Guillerme Vázquez. 

Aliás, a decisión foi adoptada de igual maneira por outras administracións fóra de Galiza, como o goberno de Euskadi, o que espertou o malestar entre os membros do executivo español que saían ao paso a través do envío dunha misiva pola que insistían na "obriga" de todas as administracións de cumpriren a lei e, por tanto, de reduciren o poder adquisitivo d@s traballadoras e traballadores públic@s. No entanto, os concellos gobernados polo BNG en Galiza, así como o executivo da CAV continuaron adiante coa iniciativa mesmo expóndose á presentación por parte da delegación do goberno --caso de Pontevedra-- dun recurso xudicial por suposto delito de prevaricación, aseguraba o ministro Cristóbal Montoro.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra asegurou que continuarían adiante coa "política insubmisa e rebelde contra unha decisión do goberno do PP que consideramos inxusta, e facémolo sendo conscientes das súas posibles consecuencias". Porén, concellos como o de Arousa, Poio e Bueu anunciaron esta mesma semana, que tamén compensarían a paga extraordinaria de decembro ás e aos empregad@s, para o que procurarían a fórmula máis acaída administrativamente.

Comentarios