O concello que ten as flores e as plantas como sinal de identidade

Un corredor verde identificará o concello de Tomiño, un dos maiores produtores de plantas da península. A iniciativa está promovida polo Concello, a Fundación Xavier Pousa e a Asociación de Cultivos Baixo Miño e busca que o sector produtivo sexa á vez atractivo turístico e marca de identidade. 

Tomiño
photo_camera Tomiño

“Cultivando Paisaxes” é o proxecto promovido polo Concello de Tomiño, a Fundación Xavier Pousa, e ACUBAM, a Asociación de Cultivos do Baixo Miño, que ten como obxectivo crear un corredor verde que sexa o sinal de identidade dun concello que ten como sector prioritario a produción de plantas ornamentais en viveiros espallados por todo o seu territorio. 

As plantas e árbores que máis se cultivan en Tomiño serán as que se utilizarán para recuperar espazos agora degradados en especial nas estradas do concello, que sexan á vez escaparate do sector  nunha iniciativa que implica tanto á administración como as empresas privadas. 

O proxecto iniciase cunha primeira fase na estrada da ponte internacional que une Goián con Vilanova da Cerveira coa plantación de 85 árbores, 55 liquidámbar, 14 cornus e 16 arces negundo. Na outra beira do río veranse medrar cincocentos arbustos a dúas cores. 

Cultivar a paisaxe 

A segunda fase creará dous espazos verdes en Forcadela e en Sobrada, dous puntos da PO-552. Foi a Fundación Xavier Pousa quen ideou o proxecto e o presentou tanto ao Concello como á ACUBAM, que doará as árbores e as plantas. Da Fundación veñen os deseños e proxectos técnicos e o Concello aportará man de obra e materiais. “O Concello vai investir 15.000 euros, pero se lle sumáramos o prezo das árbores, o proxecto paisaxístico, a retirada de asfalto, drenaxes, traslado de terra e persoal para a plantación, o proxecto ascendería a máis de 120.000 euros”, sinalou a alcaldesa Sandra González no acto de presentación do corredor verde. 

Os obxectivos que persigue o proxecto son varios e van desde a promoción económica á creación de identidade propia ou ao aumento do potencial turístico da zona. Expoñer a capacidade produtiva do sector do viveirismo, valorar a produción agraria, mellorar a percepción do territorio preservando e recuperando o patrimonio paisaxístico, atraer turismo e favorecer o tránsito por estrada unha vez construída a autovía son os fins que as tres entidades se marcan na iniciativa “Cultivando Paisaxes”. 

Comentarios