O Concello de Pontevedra pendura na súa fachada unha faixa polo dereito ao aborto

Desde a mañá desta sexta feira a Casa Consistorial de Pontevedra loce na súa fachada unha faixa que defende o dereito das mulleres a abortar. O goberno municipal inicia de maneira visíbel a campaña de rexeitamento da Lei de Gallardón. 

.
photo_camera .

“Polo dereito das mulleres a decidir. Aborto libre e gratuíto”. En violeta sobre branco. A faixa pendurada na fachada da Casa Consistorial do Concello de Pontevedra ocupa case o longo da gran balconada de granito que identifica o edificio. O alcalde, Miguel Fernández Lores e distintos membros do goberno municipal, incluído o voceiro do PSOE, saíron esta mañá ao balcón para pendurar a faixa que mostra o seu compromiso co dereito das mulleres a decidiren sobre o seu propio corpo. 

É o inicio dunha campaña coa que desde o goberno municipal se tentará concienciar á cidadanía sobre o alcance do proxecto lei presentado por Gallardón e a súa repercusión no recorte de liberdades e dereitos das mulleres. “Quixemos facer un chamamento á cidadanía e seguiremos traballando con distintas actividades para facer públicas as repercusións do paso cara atrás da lei do PP”, sinala Carme Fouces, concelleira de Benestar Social Municipal e Muller. 

Até que se retire o proxecto de lei

“A reforma do aborto é coherente co modelo social do PP que quere eliminación de todo o ámbito público para pasalo a mans privadas, cunha sanidade ou xustiza para ricos e outra para pobres xunto coa súa ideoloxización retrógrada que se ve con claridade no ensino. Neste marco, o proxecto que teñen para o aborto responde a un puzzle ben armado”, denuncia Carme Fouces para quen a ofensiva de Gallardón contra as mulleres afonda na eliminación de dereitos conquistados socialmente nas últimas décadas. 

A faixa está á vista desde hoxe na balconada da Casa Consistorial e desde o goberno municipal contan retirala “cando se retire tamén o proxecto de lei”. Segundo Carme Fouces, malia descubrirse algunha diferencia dentro do propio PP ao respecto do texto presentado por Gallarón, a responsabilidade é compartida xa que “o propio Feijóo desmantelou os centros de orientación familiar, os centros Quérote, e vetaron o debate do anteproxecto de lei na Comisión de Igualdade de hai quince días”. En Pontevedra, o BNG xa presentara unha moción na defensa do aborto libre e o PP abstivérase co argumento de que non sabía en que termos estaba redactada a lei. 

“Non é ningunha agresión a quen opina doutra maneira. A lei anterior non obrigou a abortar a ninguén. Trátase de defender o dereito a decidir das mulleres sobre os seus corpos. Coa lei de Gallardón, o útero feminino pasa a ser dos psiquiatras, de médicos e xuíces”, afirma Carme Fouces.

Comentarios