O concello de Pontevedra estuda abrir expediente a Ence pola fuga de gases

O incidente do pasado domingo provoca novas críticas por parte do goberno local de Fernández Lores, partidario de que a fábrica abandone a Ría.

Ence
photo_camera Ence

O goberno local de Pontevedra que encabeza Miguel Anxo Fernández Lores, do BNG, está a estudar a posibilidade de sancionar a Ence pola fuga de gases á atmosfera que se produciu o pasado domingo “a causa dun fallo eléctrico na caldeira de recuperación”, segundo a versión da empresa, e que foi denunciado por grupos de defensa da Ría. O concello xustifica a posíbel apertura de expediente argumentando que “sempre se fixo” así cada vez que a fábrica protagonizaba algún incidente desas características. @s nacionalistas defenden a marcha de Ence da súa ubicación actual e critican o seu secretismo cando teñen lugar sucesos desta natureza.

O goberno local pontevedrés di que se apoia “nas súas competencias en materia ambiental e territorial para poñer todo o seu esforzo en conseguir que Ence saia canto antes da súa presente situación”, en terreos de dominio público marítimo-terrestre, onde os responsábeis da Administración local consideran que a fábrica “desprega o seu potencial contaminante”. Ademais, o concello critica que o Goberno Central -coa “colaboración” da Xunta- promulgou unha nova Lei de Costas para favorecer que “empresas tan mal situadas como Ence poidan seguir prexudicando o territorio”.

Comentarios