ADíA O ACTO MAIS NON O AXENDA

O Concello das Pontes cancela a conferencia de Martín Villa

Atribúe a decisión a unha cuestión de "seguridade" pola concentración convocada en rexeitamento á presenza do ex-alto cargo franquista e ministro no Transición

martin-villa (1)

O goberno local de As Pontes cancelou a conferencia prevista do ex-alto cargo franquista e ex-ministro de Gobernación, Rodolfo Martín Villa, acusado pola xustiza arxentina de delitos de lesa humanidade. 

Após a convocatoria dunha concentración de rexeitamento a este acto por Causa Galiza na vila o executivo das Pontes decidiu cancelar o acto alegando razóns de "seguridade". Nun comunicado o concello afirma que "comprobados os múltiples chamamentos existentes nas redes sociais por parte dalgún colectivo independentista" adía a conferencia "co fin de garantir a seguridade dos asistentes". 

Porén, aínda non avanzou a nova data. 

Franquismo e transición

Martín Villa foi convocado para falar sobre o proceso de transición decorrido no Estado español após o pasamento do ditador Franco. Durante os seus anos de actividade política foi ex-alto cargo franquista e sobre el pesa unha orde de detención e extradición internacional pola súa presunta responsabilidade co asasinato de 5 obreiros. 

Durante o seu mandato como ministro de Gobernación (Interior), e só en Euskadi, unha trintena de persoas morreron por accións dos membros das forzas de seguridade do Estado -dados dun Informe do Goberno Vasco-. O seu nome estivo relacionado, en reportaxes e investigacións, cos primeiros anos de ‘guerra suxa’ contra ETA, que decorreron na súa etapa como ministro. Tamén se ten indagado sobre a súa responsabilidade en casos como o atentado do Scala ('montaxe' contra a CNT) ou nos atentados contra o independentista canario Cubillo.

Foi deputado no Congreso e ministro nos gobernos de UCD, así como vicepresidente do goberno español despois do golpe de estado do 23-F. De 1997 a 2002 foi presidente de Endesa, no que se describiu xa daquela como un caso de ‘portas xiratoria’. Foi tamén comisionado do goberno español na catástrofe do ‘Prestige’.

Comentarios