MIGUEL BARROS, CANDIDATO DE CXG EN VIGO

“Se Compromiso entra nunha plataforma difumínase”

Miguel Barros será o candidato de Compromiso por Galicia para Vigo despois de gañar as primarias. 

Miguel Barros
photo_camera Miguel Barros

Confesa unha “vocación política incuestionábel” e abonda comprobar a súa traxectoria e escoitar as súas respostas para comprobalo.

-A súa candidatura supón unha volta á política. Que razóns o convidan a facelo?

Son sinxelas. Cómpre ter en conta que cando abandono o PSOE é por imposibilidade de levar adiante as miñas propostas sobre Galiza e a distribución do poder territorial do Estado. A miña aposta polo galeguismo tropezou cunha grande resistencia porque a presenza do poder de Galiza era moi escasa. As razóns que defendía callaron no bipartito, no pacto co nacionalismo para vencer a dereita. Daquela, certamente, tiven protagonismo en Vigo en beneficio dese pacto até certo punto decisivo mais vinme desautorizado cando se rompeu o acordo e se lle entregou o goberno ao PP. Púxose fin a aquela aposta e quedei sen partido porque, ao non ser independentista, non podía ir co Bloque. A oferta de Compromiso acáeme e o propio partido fíxome expresa evidencia da contradición que suporía que non colaborase nesa iniciativa. Eu fágoo con convencemento e interese. É unha barca pequena, con moitas dificultades, mais definir ese espazo e defender unha serie de propostas programáticas de interese explican o meu regreso á política activa que, por outra banda, eu nunca abandonei mais que estaba, por así dicilo, censurada por non ter onde situarme. 

" A oferta de Compromiso acáeme e o propio partido fíxome expresa evidencia da contradición que suporía que non colaborase nesa iniciativa"

-Compromiso presentarase en Vigo con candidatura de seu ou integraranse nalgunha plataforma?

Penso que Compromiso ten que afrontar a responsabilidade de defender ese espazo galeguista, socialdemócrata, federalista e europeísta que enriquece o espectro político cunha opción que faltaba. Conseguir que ese voto non o recade nin o PP nin o PSOE. Esa opción existiu con orientación conservadora, en propostas como Coalición Galega, mais é a primeira vez que desde o punto de vista da esquerda se busca este espectro nacionalista. Se Compromiso entra nunha plataforma difumínase. As coligazóns, en todo caso, deberían ser pos-electorais. 

-A curto prazo, intúe posíbel e viábel unha reunificación do nacionalismo?

O concepto nacionalista ten hoxe unha connotación menos radical do punto de vista ideolóxico, o Bloque situaríase no independentismo, que Compromiso non é. Repetir a fórmula do Bloque ten escaso interese. Considero que o interesante neste momento é postular un espazo político, defendelo e proclamalo. Na política considero que as definicións ideolóxicas non poden dar lugar á ambigüidade. En Galiza non se artellou até agora esta dupla formulación que agora existe. A redundancia noutra formación que non teña definición máis explícita seria simplemente partillar o espectro. Compromiso defínese como nacionalista e socialdemócrata, mentres Anova pacta cunha organización na que se atopa o comunismo estatal e o Bloque está no independentismo. Non hai nada pechado porque isto é como un agra aberta, mais non deberiamos perder de vista o carácter proporcional do sistema electoral para garantir a variedade do espectro. Que exista pluralidade é beneficioso, o que cuestiono é que se fraccione o espazo até situar as diferenzas en matices. 

"Compromiso defínese como nacionalista e socialdemócrata, mentres Anova pacta co comunismo estatal e o Bloque está no independentismo"

-Como ex-militante e ex-concelleiro do PSdeG, que xuízo lle merece a xestión de Abel Caballero?

Polo de agora non entramos en campaña e é a oposición quen tería que facer valoración da xestión que fai alcalde e, nese sentido, hai que ver como se establece o pacto dos orzamentos. Ao meu ver cando hai responsabilidade institucional non é conveniente unha política de regueifa continua con outras institucións, con problemas de calado como os que temos. No grupo ao que pertencín sempre estivemos en contra dos desafíos locais fronte ao autogoberno. Esa imaxe fai moito mal á política. A situación económica aconsellaría unha política institucional máis cooperativa que de enfrontamento tan agresivo, en especial para os grandes obxectivos. O electorado non entende que a oposición non teña un carácter propositivo e se refuxie sempre en cualificativos severos que en argumentos contundentes. A artillaría forte vaise explicando nunha campaña electoral, mais a responsabilidade institucional conleva non presentar sempre esa faciana. 

-Tanto vostede como o candidato de Compostela veñen dunha traxectoria militante no socialismo galeguista, o seu paso para Compromiso significa que no PSOE non é posíbel o galeguismo?

O PSOE foise facendo pouco flexíbel. Coa desaparición física de Ceferino Díaz chegamos a un final de ciclo dramático. Acabábanse os últimos esforzos dun político que nunca se cansaba de facer posíbel que houbese unha bandeira na defensa dos intereses do país. No Estatuto, cando saiu o de UCD que nos rebaixaba a segundo nivel por baixo de Cataluña e Euskadi, o sector galeguista tivo unha incidencia certa mais cando rematou ese episodio nós dirixímonos a Barcelona, para nos interesar polo funcionamento do partido e Madrid nunca nos perdonou esa preferencia. Mesmo así fun tres veces deputado no Parlamento de Galiza, había resquicios mais aquilo foise empequenecendo até quedar sen espazo. O fin, no meu caso, foi cando, despois de ter chegado ao acordo entre nacionalistas e socialistas, se entregou o goberno ao PP.

Comentarios