O de Compostela é o primeiro sinistro da historia das vías do tren de alta velocidade no Estado, a pesar de que Galiza continúa sen dispor en plenitude do servizo ferroviario do AVE desde Madrid. A traxedia de Angrois sitúase tamén á cabeza dos accidentes polo número de vítimas mortais, xa que os polo agora contabilizados 78 só son superados polo choque no Bierzo en 1944 no que se estima que perderon a vida máis de 500 persoas, cifras que nunca se confirmaron debido á censura do franquismo que fixo que Renfe declarara menos de 78 mortos.
A magnitude da traxedia supera mesmo a ocorrida hai máis de corenta anos, cando en 1972 dous comboios chocaron con resultado de 77 persoas mortas.
O descarrilamento do tren de alta velocidade ten xa para si outras sinistras marcas. Trátase do accidente maior de ferrocarril dos producidos en todo o mundo no que vai de 2013.
O máis grave galego
Compostela, na véspera do Día da Patria, quedará tamén como a cidade na que ocorreu o maior accidente ferroviario da historia de Galiza. Até o momento, o de máis gravidade acontecera no lugar de Rande en 1975 cun choque de trens que provocara quince mortos e vintenove feridos.