O comboio podía ir até a 220 quilómetros/hora a só 300 metros da curva da Grandeira

Segundo o Itinerario da Marcha do Alvia, o comboio que conducía Francisco José Garzón podía circular a unha velocidade de até 220 quilómetros/horas a apenas 300 metros da curva da Grandeira. Isto significa que a redución da marcha, dos 190 quilómetros/hora aos que declarou ir o maquinista aos 80 do límite de velocidade, se debería ter realizado nun tempo récord.

accidente

O Itinerario da Marcha do Alvia permite ao comboio circular a unha velocidade máxima 220 quilómetros por hora até o quilómetro 84,230, apenas 300 metros antes da curva da Grandeira en que se produciu o brutal descarrilamento.

Enxeñeiros ferroviarios consultados por El Mundo afirman que, para reducir a marcha a 80 quilómetros/hora, unha máquina que circula a esa velocidade precisa dunha marxe dun mínimo de 1,5 quilómetros.

De acordo co Itinerario da Marcha, a distancia entre a zona de 220 quilómetros/hora e a zona de 80 quilómetros/hora en que se rexistou o accidente só era de 300 metros.

Segundo a información publicada por El Mundo, diario que tivo acceso ao Itinerario da Marcha, a decisión sobre o momento en que debía comezar a desacelerar a tiña que tomar en solitario o maquinista, sen dispor de ningún medio tecnolóxico que o auxiliara.

O rotativo que dirixe Pedro Jota Ramírez xulga que "bastou un despiste do condutor de arredor dun minuto para que se desencadease a traxedia".

El Mundo pide no editorial unha revisión dos protocolos dos mecanismos de seguridade

No seu editorial, El Mundo, após deixar sentada a responsabilidade do maquinista na traxedia, afirma que con ela "non se esgota o debate de se os protocolos e os sistemas de seguranza do Alvia son os máis adecuados. Á vista da traxedia, pode concluírse que non".

"O Alvia é un tren altamente sofisticado cun sistema rudimentario de seguridade que o fía todo ao maquinista sen prever que é un ser humano que está sometido a un mareo ou a unha distracción", afirma El Mundo.

A conclusión do diario madrileño é que "todo" obriga a "unha revisión dos protocolos e os mecanismos de seguridade que, segundo demostrou este terríbel accidente, son moi mellorábeis".

Comentarios