Os colectivos emigrantes volven ás portas de Facenda e declararanse “insubmisos” á lei

Esta terza feira os colectivos de emigrantes volveron ás porta de Facenda a reclamar “igualdade de trato” nas súas tributacións fiscais. Declararán “insubmisión” á nova lei que entra en vigor o vindeiro 1 de xaneiro e, malia a “lei mordaza”, aseguran que continuarán nas súas mobilizacións. 

Concentración diante de Facenda
photo_camera Concentración diante de Facenda

Diante de distintas delegacións de Facenda, os colectivos de emigrantes retornados concentráronse esta terza feira para mostrar a súa protesta diante da modificación da lexislación tributaria que se aplicará a partir do vindeiro 1 de xaneiro que, segundo afirman, non atende as súas demandas. Rexistraron tamén escritos individuais nos que reclaman modificacións lexislativas que eliminen a inxustiza que, segundo din, se está a cometer co colectivo dos que volveron á terra.

A modificación da lei 35/2006 pola 26/2014 que entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro supón, para o voceiro de Marusía, Xosé Lois Leirós, a “entrada de algo novo que é vello, outra vez unha norma fraude que non modifica a situación de inxustiza na que vive o colectivo”. 

 “É a entrada de algo novo que é vello, outra vez unha norma fraude que non modifica a situación de inxustiza na que vive o colectivo”

Para Leirós, o único cambio que se experimentará é que se condonan as multas e os intereses de demora, o que, ao seu ver, significa que “recoñecen que o fixeron mal, que nos estaban estafando mais non fan nada para amañalo”, sinala ao tempo que anota que continuarán sen recoñecer de oficio as invalideces que veñen do estranxeiro e seguirán a estar afectados pola lei de dous pagadores. “Vivimos unha clara discriminación e continúan nela. A lei sigue igual. A partir do 1 de xaneiro faranos pagar outra vez con retroactividade de catro anos o que significa unha falta de respecto cos emigrantes”, denuncia Leirós. 

Contra a lei mordaza 

Esta cuarta feira darán unha rolda de prensa conxuntamente con Esculca, o Observatorio para a defensa dos Dereitos e Liberdades. Séntense directamente afectad@s pola aplicación da “lei mordaza” que impide que continúen as súas mobilizacións diante de edificios de organismos públicos. “As nosas pancartas e as nosas piruletas é o que temos para continuar coa nosa loita e quérenos impedir manifestarnos. Este é un problema político que teñen que solucionar e é necesario cambiar a lei, o que só se fai nos despachos. Imos seguir manifestándonos e imos dicir que somos insubmisos diante desta lei, non a recoñecemos”, afirma Leirós mentres conclúe que non van parar até que consigan a modificación da lei, o que é, ao seu ver, “cuestión de xustiza”. 

Comentarios