Cinco razóns para baleirar as aulas o 9-M

A Plataforma galega en defensa do ensino público chama á comunidade educativa, estudantado e ANPAS a parar o ensino esta quinta feira.

Organizacións estudantís, centrais sindicais mais tamén Asociacións de Nais e Pais chaman esta quinta feira a parar as aulas contra o anteproxecto de Lei de Mellora da Calidade do Ensino (LOMCE).

Convocad@s pola Plataforma galega en defensa do ensino público as aulas da Galiza están chamadas a ficaren  baleiras contra unha reforma educativa que din "liquida a igualdade de oportunidades" e "expulsa do ensino" os sectores  sociais "máis desfavorecidos"  da sociedade. 

Desde a Plataforma denuncian que o ministro de Educación, José Ignacio Wert, teime en aprobar un proxecto de lei "contrario" aos intereses do estudantado e do profesorado, rexeitamento que ficou en evidencia na folga estudantil decorrida o pasado 6 de febreiro.

Esta quinta feira, a comunidade educativa no seu conxunto exixirá, doutra volta "a retirada desta lei" e o dereito "a un ensino público galego, laico e democrático". 

A Plataforma centra en 5 puntos as denuncias ao anteproxecto de lei 

A Plataforma galega en defensa do ensino público desenvolveu ao longo das últimas semanas unha campaña informativa --mais tamén reivindicativa-- para amosar o seu rexeitamento á aprobación da coñecida como 'lei da Wertgoña'. Amais dos feches en centros de ensino por todo o país, múltiples asembleas informativas percorreron as aulas da Galiza para explicar as razóns polas que chaman a secundar a folga. A priori, o nome da lei serviu ás organizacións estudantís e sindicais para formular as súas denuncias.

  • Lesiva: Desde a Plataforma denuncia que o anteproxecto de lei presentado polo goberno español pretende crear, mediante os programas de calidade e especialización curricular, "diferentes categorías de centros" favorecendo, con máis recursos e medios, "aqueles que mellor resultados acaden". Neste senso, profesor@s e alumn@s exixen que todos os centros conten cos recursos necesarios para que tod@s reciban unha  formación de calidade. 
  • Opresora: a reforma reforza a confesionalidade no ensino e a pegada da relixión nocurrículo académico. Aliás, impón un sistema máis selectivo mediante itinerarios no ensino obrigatorio. Desde a Plataforma apuntan que esta moficación "condena prematuramente, o alumnado a optar a titulacións diferentes" e "condiciona de maneira temperá" o futuro académico e laboral do estudantado. 
  • Mercantilista: a reforma educativa elimina o Consello Escolar como órgano de goberno e traslada o sistema de xestión empresarial aos centros. Neste senso, a dirección será nomeada pola administración e gozará de maior capacidade para decidir a respeito daqueles asuntos até o momento xestionados polos propios centros, entre eles propor ou rexeitar o profesorado que sexa proposto pola administración. 
  • Clasista: o anteproxecto de lei deseñado polo executivo español fortalece o ensino privado-concertado a través da blindaxe dos concertos económicos con centros que mesmo segregan por razón de sexo. Desde a Plaraforma denuncian que malia as sentenzas xudiciais que declaran contrarios a dereito estes convenios, a Xunta de Galiza e o goberno español teimen en os renovar e mesmo ampliar. 
  • Españolizadora: é unha das criticas que centran o discurso daquel@s que exixen a súa retirada. Catalunya, Galiza e Euskal Herria denuncian que a reforma educativa incremente o control do Estado no currículo académico --malia descentralización competencia. Aliás, rexeitan que recolla a posibilidade de se financiar con diñeiro público unha escola privada para aquel alumnado que queira un ensino integramente en español. Desde as nacións do Estado critican a vontade uniformadora da norma que, mediante as reválidas, impón un modelo lingüístico "españolizador". 

Comentarios