A CIG solicita a retirada dunha docente dun curso da CRTVG por sexista

“As mulleres sempre nos vemos atraídas por homes fortes e valentes, con boa saúde, que nos podan protexer”. Por afirmacións como esta, a CIG reclama a retirada da profesora Teresa Baró do curso “Linguaxe non verbal para comunicadores” que a CRTVG ofrece a profesionais da compañía. 

A CIG reclama a retirada por sexismo de Teresa Baró do curso “Linguaxe non verbal para comunicadores” que a CRTVG ofrece desde a súa área de formación a “redactores, locutores de radio, locutores de televisión e auxiliares de redacción”  e que se impartiría os próximos 8, 9, 22 e 23 de abril. 

A central nacionalista detectou “graves contidos sexistas no enfoque da especialidade que imparte a docente” que quedan á vista na súa web www.teresabaro.com que leva por título "Habilidades de comunicación". Teresa Baró chega a afirmar que “para triunfar na diversidade de roles que desempeña, a muller de hoxe, ten que dominar moitos estilos de comunicación: desde o de profesional eficiente ao de muller sedutora sexualmente”.

“A muller seduce máis pola dozura, a sensualidade, e mesmo ás veces pola submisión", defende Baró

A especialista en comunicación repite estereotipos machistas como que “as mulleres sempre nos sentimos atraídas por homes fortes e valentes, con boa saúde, que nos poidan protexer e asegurar a supervivencia das nosas crías, ademais de proporcionarnos un determinado estatuto social. É unha mera cuestión biolóxica, instinto de supervivencia”. Outra das pérolas que a CIG denuncia é na que Baró chega a afirmar que “a muller seduce máis pola dozura, a sensualidade, e mesmo ás veces pola submisión”.

“Afirmacións como as citadas son contrarias aos principios de igualdade e non discriminación, lesionan gravemente os dereitos e a imaxe da muller e coliden cos principios nos que debe inspirarse a actividade de comunicación audiovisual da Corporación RTVG” denuncian desde a CIG na solicitude pola que esixen a “retirada inmediata” da docente do curso para profesionais da comunicación. 

Comentarios