CIG-Saúde alerta que a privatización do sistema de esterilización do Sergas será "irreversíbel"

Exixen a publicación oficial do prego de condicións que a Xunta xa fixo circular internamente e a paralización do proceso.

sanidade_capa

A federación de sanidade da CIG tivo acceso ao prego de condicións co que a Xunta pretende poxar o servizo de esterilización do material sanitario do Sergas. Un proceso que xa fora denunciado após facerse pública no Diario da Unión Europea (DUE) a contía pola que sería externalizado: 132 millóns de euros.

Desde a CIG-Saúde advirten que a privatización deste servizo será "irreversíbel" de se executar nos termos en que aparece recollido nun prego de condicións que aínda non se fixo público mais que si circula polos despachos da administración. Con el, sinalou María Xosé Abuí, "veñen confirmarse os nosos peores temores".

Amortizar máis de 150 prazas

De acordo co articulado do prego a empresa adxudicataria deberá, entre outras cuestións, "aportar as instalacións, equipamento, persoal e produtos necesarios para realizar o proceso" de esterilización (artigo 5.7). Neste senso, desde a central sindical nacionalista alertan das consecuencias que suporá a incorporación dos medios humanos por parte dunha empresa privada e que devirá na "amortización de 157 postos de traballo na sanidade pública". Traballadoras e traballadores que poderían ser desprazad@s a outras áreas e departamentos ou despedid@s.

Aliás, o prego contempla a "obriga" da adxudicataria de actualizar e renovar "as instalacións e o equipamento empregado para a prestación do servizo" (artigo 6.4). Porén, será o Sergas quen "porá ao dispor" da empresa "todo o instrumental reutilizábel que sexa da súa propiedade" para a súa "xestión e custodia". Algo que para a CIG supón investir diñeiro públuco en "pagar a unha empresa privada para que faga a reposición dos seus propios efectivos" en troca de "renovar o material que precisa o sistema sanitario".

"O material que hoxe ten o Sergas, dentro de 8 anos estará obsoleto e todo o material novo será da empresa privada", subliñou María Xosé Abuín.  

Desde a CIG exixen á Consellaría de Sanidade que "a inmediata paralización do proceso de privatización" e, en todo caso, "que se faga público o prego de condicións" para actuar "coa transparencia que se lle debe exixir a toda administración pública". Pois, lembran, o pasado 23 de maio CIG-Saúde xa remitiu un escrito á conselleira para lle solicitar que anulara o concurso público, de acordo coa vontade maioritaria d@s profesionais que rexeitaron "de maneira unánime" a externalización dun servizo público "esencial e de alta calidade" premiado mesmo co ISO 9001.

Comentarios