DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA

CIG pide nacionalismo de esquerdas nas rúas e nas institucións para saír da pobreza

Manifestacións e concentracións nas sete cidades do país reivindicaron emprego e salarios dignos contra o empobrecemento. Na central da CIG en Ferrol, o Secretario Xeral, Xesús Seixo reclamou presenza do nacionalismo de esquerdas nas rúas e institucións contra a “propaganda intoxicante” dun PP que, dixo, mente coa saída da crise. 

Manifestación Central de Ferrol
photo_camera Manifestación Central de Ferrol

Emprego e salario digno é o “principal problema que ten hoxe a clase obreira galega”, dixo o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo na manifestación central do Día da Clase Obreira Galega que se desenvolveu en Ferrol. Milleiros de persoas participaron nas sete concentracións e manifestacións que ao longo do 10 de marzo se desenvolveron nas cidades galegas baixo o mesmo lema de “emprego e salario digno. Contra a pobreza” que se lía tamén na pancarta da cabeceira da central de Ferrol.  No seu discurso, o máximo dirixente da central nacionalista, denunciou o que cualificou de mentiras do goberno de Feijóo a respecto da saída da crise e opuxo unha realidade ben distinta, a que fala dun retroceso sen precedentes nas condicións laborais e sociais, na calidade de vida que experimenta o recorte dos dereitos e cun empobrecemento progresivo da clase traballadora. 

195.300 postos de traballo menos 

Seixo lembrou que a taxa de desemprego alcanza na actualidade o 21,7% e que desde o inicio da crise se perderon na Galiza 195.300 postos de traballo, alén de reducirse tamén a poboación activa. Segundo os datos da CIG, a situación é especialmente grave para a poboación da franxa de idade entre os 20 e 39 anos nos que a emigración está sendo de novo unha das únicas saídas. Nos cinco últimos anos contabilízanse 80.000 mozas e mozos que tiveron que abandonar o país para buscar traballo, unha cifra que, de se contabilizar, situaría o índice de desemprego no 40%. 

Menos emprego e con peor calidade 

O secretario xeral da CIG denunciou tamén que a diminución do emprego vai parella tamén á perda de calidade e a merma dos salarios nun mundo laboral no que medra o índice de contratación temporal e a tempo parcial.  “O único sector de asalariados/as que medra, subliñou Seixo, é aquel que gaña menos do 50% do Salario Mínimo Interprofesional, estamos a falar duns ingresos brutos de 150 euros ao mes”, sinalou no seu discurso da manifestación en Ferrol no que tamén fixo fincapé nos 177.000 traballadores e traballadoras que cobran menos de 200 euros ao mes. 

As políticas económicas, laborais e sociais da UE executadas con dilixencia na Galiza e no Estado están na orixe, segundo Seixo, da situación xa que a súa consecuencia é un “retroceso de décadas nas condicións laborais e sociais, na calidade de vida e nos dereitos de miles de familias e de centos de miles de homes, mulleres e crianzas”. 

A mobilización como saída 

Nun tempo no que, segundo destacou Seixo, os únicos que non sofren a crise son os especuladores, banqueiros ou oligarquía financeira, os mesmos que a crearon, a saída é a organización e a mobilización que destape a “intoxicación propagandística” do PP e loite por mudar “a conciencia social e a correlación de forzas a favor da clase traballadora e do nacionalismo galego, nas empresas, nas organizacións sociais e nas institucións”. Considerou necesario que nas vindeiras eleccións municipais e ao parlamento do Estado o nacionalismo de esquerdas acade apoio social para “contrarrestar o afastamento dos centros de poder, cada vez máis concentrado e centralizado en institucións antidemocráticas sobre as que a cidadanía non pode exercer control”. 

Na lembranza de Amador Rei e Daniel Niebla, vítimas da represión fascista contra a loita obreira en 1972, a xornada volveu levar ás rúas a defensa dos dereitos laborais e o emprego nas sete cidades galegas. 

Manifestacións ás 20 horas en Ferrol, A Coruña, Compostela, Lugo e Vigo e asembleas de delegados e delegadas pola mañá en Ourense e Pontevedra con mobilización centraron os principais actos reivindicativos deste 10 de marzo. 

Comentarios