A CIG entrega no Parlamento as sinaturas da ILP polo Emprego

Unha manifestación de delegad@s da CIG sairá da Alameda de Compostela para se dirixiren ao Pazo do Horreo onde entregarán as sinaturas recollidas para a presentación da Iniciativa Lexislativa Popular polo Emprego que promove a central nacionalista.

Acto de recollida de sinaturas
photo_camera Acto de recollida de sinaturas

Despois do desenvolvemento dunha asemblea naciona, @s delegad@s sairán por volta das 12.15 en manifestación desde a Alameda ate o Pazo de Horreo onde responsábeis da central nacionalista entregarán as sinaturas que avalan a Iniciativa Lexislativa Popular polo Emprego que a CIG rexistrara no Parlamento. O obxectivo da proposta é que o desemprego sexa materia de debate na cámara e que se poñan sobre a mesa políticas activas para darlle solución a un dos principais problemas do noso país.

A CIG desenvolveu nos últimos tres meses unha intensa campaña de recollida de apoios e divulgación das súas propostas para a recuperación económica e a creación de emprego. Dentro da campaña realizáronse asembleas en centros de traballo, reparto de información e leváronse tamén mocións aos concellos galegos co fin de difundir os obxectivos e recoller apoios para unha iniciativa que comezará os trámites para ser debatida finalmente no Parlamento.

A central nacionalista, segundo repetiu o seu secretario xeral Suso Seixo, defende a necesidade de políticas que cren emprego, algunhas para as que ten competencias o propio Parlamento ou o goberno galego mais outras que dependen do español ou do Congreso de Madrid. Neste caso, a CIG reclama a transferencias de competencias xa que “ningún goberno que queira actuar como tal pode derivar a súa responsabilidade noutras institucións ou na súa falta de competencias. O que ten é que pór en marcha todas as medidas que sexan necesarias para afrontar un problema tan grave como é a falta de emprego”. A grave situación de crise, cos altos índices de desemprego no país e un maior empobrecemento, leva a que a CIG reclame que se centre o debate sobre as súas causas, as consecuencias e as medidas que compre adoptar para buscarlle solución.  

Comentarios