A CIG denuncia comportamentos machistas na aplicación do ERE de Abanca

Que 63% das persoas afectadas polo cambio de xornada sexan mulleres é só un exemplo dos “comportamentos machistas” que denuncia a sección sindical da CIG na aplicación do ERE en Abanca. Convocan unha concentración para esta quinta feira. 

Abanca
photo_camera Abanca

Coa concentración que terá lugar esta quinta feira 14 de agosto ás 11:00 na sede central de Abanca en Vigo (rúa García Barbón) a Sección Sindical da CIG en Abanca inicia unha campaña que ten como obxectivo a denuncia do comportamento machista da entidade na aplicación do ERE. A central sindical esixe a apertura dun proceso de negociación e a paralización da aplicación do expediente por ser “claramente discriminatorio para as traballadoras”. 

Segundo comprobou a CIG, no último mes o proceso de traslados dos postos de traballo e despedimentos que se produciron na provincia de Pontevedra afectou de maneira especial ás mulleres, en porcentaxe e alcance maior que aos seus compañeiros varóns. O ERE pode afectar a un total de 110 persoas e a central sindical alerta da situación unha vez xa confirmaron a aplicación con criterios sexistas doutras medidas como, poñen por caso, o cambio de xornada da que son mulleres o 63% das persoas atinxidas coa conseguinte dificultade para a conciliación familiar e laboral. 

Comentarios