CIG critica as contas do PP para o próximo ano por afondar na crise

Os orzamentos do Estado para 2014 provocarán un afondamento da crise económica. É a valoración da CIG despois de estudar as contas preparadas para o próximo ano polo goberno de Rajoy, uns números que mostran unha acaída do investimento público e o gasto social e unha subida da débeda pública e a presión fiscal. 

Para o sindicato nacionalista, a caída do investimento público e do gasto social, a perda de poder adquisitivo de traballadores e traballadoras do Estado e pensionistas, e o incremento da débeda pública para paliar a desfeita do sector financeiro ademais do aumento da presión fiscal debuxan unhas contas preparadas polo PP que contribuirán a afondar na profunda crise e na precariedade da maioría da poboación. 

En canto á política tributaria, a CIG estima que non se producen grandes novidades, antes ben, concéntranse as subas postas en marcha como o aumento dos tipos marxinais do IRPF, a suba dos tipos de IVE ou aumento dos impostos especiais e ambientais.

As contas prevén o remate do 2013 cunha baixada da actividade económica do 1,6% fronte ao 0,5% que se estimaba no proxecto de orzamentos do ano anterior e indícase un incremento do PIB de 0,7%  para o 2014 mais sen creación de emprego. Pola contra, agárdase que descenda nun 0,2% ao longo do ano malia que se constate un descenso da taxa de paro nun punto, suponse, segundo a CIG, que coo efectos da emigración. 

O sindicato nacionalista fala de “panorama desolador” cun proxecto de orzamentos no que os ingresos non financeiros se reducen un 1,1% con respecto ao ano anterior debido á caída da actividade e as altas taxas de desemprego ademais da redución de salarios, para a CIG, a “única consecuencia da última reforma laboral”. 

O proceso que a central sindical denuncia , segundo as contas do PP, contempla unha caída de ingresos tributarios que redunda nun descenso de ingresos non financeiros, compensados cun novo endebedamento utilizado para facer fronte á amortización da débeda utilizada para paliar a desfeita do sistema bancario e o pagamento dos xuros, non para a creación de emprego nin investimento produtivo.

Comentarios