CIG chama a sindicatos e colectivos a artellar unha folga comarcal en Vigo após o 'mazazo' do tax-lease

“É o momento de dar una resposta unánime e contundente que debería pasar por una folga xeral na comarca de Vigo neste mes de xuño”, indican desde a central nacionalista

Folga metal de 2007 en Vigo

Ferrol primeiro e agora Vigo. Se na comarca do norte de Galiza xa está convocada unha folga comarcal para o 12 de xuño, a CIG vén agora de pór sobre a mesa a necesidade de realizar unha protesta na zona do sur. Unha medida que responde, sinalan desde a central nacionalista, a que “a confirmación da resolución final do tax lease con devolucións acabará co sector naval na Ría de Vigo e como consecuencia coa destrución de mais de 10 mil postos de traballo directos e probablemente 6 mil indirectos. Estas son as cifras que a día de hoxe podemos contabilizar na paralización do sector durante estes dous anos

Non hai marxe para a dúbida ou a equidistancia. Desde a CIG chaman ´”as restantes organización sindicais e sociais da comarca a mobilizarse contra esta resolución para defender o noso futuro. Cremos que é o momento de dar una resposta unánime e contundente que debería pasar por una folga xeral na comarca de Vigo neste mes de xuño, chamando tamén a mobilizarse en defensa da nosa industria o día 12 deste mes na manifestación convocada pola CIG”.

Facer fronte á crise

No período 2011-2013, indican desde a central nacionalista, pecharon 270 empresas relacionadas directa ou indirectamente co sector naval, “sen contar co dano tanxencial que afecta a todos os sectores de servizos, nomeadamente transporte, comercio e hostalería”.

“Europa está decidida a pechar o noso sector naval, sen que o Goberno do Estado e a Xunta fixeran nada para impedilo. Coñecían as intencións de Bruxelas e non fixeron nada para impedilo. Francia resolveu o seu problema do tax lease en apenas tres semanas cando tiña axudas fiscais maiores que as nosas”

Comentarios