CIG, CCOO e UGT reclaman a retirada do Código Ético de Feijóo

As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT reclaman a retirada do Código Ético que presentou o presidente Núñez Feijóo e esixen un “comportamento exemplarizante” cos seus cargos imputados. 

San Caetano, Xunta da Galiza
photo_camera San Caetano, Xunta da Galiza

Os tres sindicatos acordaron rexeitar o “Código ético institucional” que promoveu o goberno galego porque, segundo afirman, non queren “ser cómplices da campaña propagandistica e difamatoria na que queren e están a implicar aos traballadores e as traballadoras da Xunta de Galiza”. Reclámanlle ao presidente da Xunta que esixa no seu partido un “comportamento exemplarizante” cos cargos imputados en casos de corrupción, a quen aínda non se lle esixiron responsabilidades. Para as centrais sindicais, o anuncio de Feijóo responde ao afán de desviar a atención cando a única saída é o cese inmediato de calquera cargo imputado por corrupción. 

CIG, CCOO e UGT, con presenza na Mesa Xeral de Negociación do persoal da Xunta de Galiza, reclaman agora a retirada do borrador despois de non ter asistido á xuntanza á que foran convocadas, como sinal da oposición á unha política, ao seu ver, propagandística que o que pretende é  “desviar a atención dos múltiples casos de corrupción nos que están implicados numerosos cargos institucionais do PP en Galiza”. Lémbranlle ao presidente, que onde é preciso aplicar un código ético é no propio Partido Popular. 

Normativa xa había, sen aplicar

“O ético e exemplarizante sería que calquera político/a imputado por corrupción, fose apartado das súas responsabilidades, até que se clarificase a súa situación penal e non ao revés, que se manteñan nos postos até que son condenados en firme”, manifestan nun documento que remitiron á  administración. Lamentan, pola contra, “o ridículo intento de implicar ao persoal que traballa na administración pública, sinalándonos, como posíbeis perceptores de agasallos” nun afán de “desviar a atención, para que non se fale dos verdadeiros  culpábeis dos escandalosos casos de corrupción”.
 
Aproveitan as tres centrais para identificar o que definen como “principal foco de corrupción”, que serían as políticas privatizadoras e de desmantelamento dos servizos públicos. As tres centrais sindicais afondan tamén no carácter propagandístico do anuncio de Feijóo ao lembra que xa existe normativa marco neste ámbito que a Xunta non está a aplicar nin a facer cumprir. 

“Os e as empregados/as públicos non necesitamos ningún código ético, pois somos profesionais que actuamos baixo os principios de independencia e imparcialidade, e estamos sometidos ao cumprimento das normas e do noso propio réxime disciplinario. Os/as que necesitan que lles apliquen códigos de conduta son as políticas e os políticos imputados, para que sexan apartados das súas responsabilidades públicas. Deberíase de cumprir o principio de político/a imputado, político/a apartado”, insisten no seu escrito. 

Comentarios