''Chorei cando chegou o chapapote e quixen volver chorar cando chegou a sentenza''

Miles participaron na manifestación de Compostela, unha das 8 que había no país contra a sentenza da impunidade. De todas as idades e condicións, unha maré de persoas unidas para dicir que a maior catástrofe ambiental da nosa historia non pode ficar impune.

Podería parecer un 'déjà vu': as bandeiras negras e azuis, os berros de Nunca Máis, as consignas con palabras como chapapote, o artefacto móbil semellando unha ave petroleada a pairar sobre @s manifestantes, Suso de Toro e Manolo Rivas a daren discursos sobre dignidade... Un 'déjà vu' de 11 anos atrás. Mais non. As ducias de milleiros de galeg@s que saíron á rúa este 1 de decembro non o fixeron porque fundira un barco e as mentiras, neglixencias e incapacidades de Xunta e goberno central converteran aquilo nunha catástrofe. Contra iso xa se manifestaran esas ducias de milleiros de galegos o 1 de decembro de 2002, once anos atrás. Non. Miles e miles de persoas saíron este domingo (1 de decembro de 2013) á rúa porque unha sentenza xudicial consideraba que a maior catástrofe ambiental de Europea non tiña culpábeis e non merecía castigo. O verdadeiro 'dájà vu' foi comprobar que as rendas do poder político (e non só) seguen en mans do mesmo partido e moitas veces en mans das mesmas persoas que tiveron responsabilidade no acontecido hai once anos.

Discriminación

Nas manifestacións deste domingo houbo dignidade, raiba, compañeirismo, música, ledicia e tristura... faixas, colantes, palabras de orde, consignas, militantes de diferentes organizacións de todo tipo, rostros coñecidos do mundo da política, da cultura, dos movementos sociais... E tamén houbo, o importante, miles e miles e miles de cidadáns que sentiron a necesidade de exercer a dignidade e rexeitar unha sentenza “deliberadamente inxusta”.

Xente como José, bateeiro da Ría de Arousa, que veu até a manifestación de Compostela. Foi dos de “primeira liña de fogo” cando o chapapote entraba na Ría. A bordo dun barco e recollendo “a merda” (el di así, non di chapapote ou piche ou fuel) coas mans, con caldeiros “e co que fose”. Recoñece que “daquela chorabas de rabia” e está convencido de que esa sentenza “non lla meten a outros, só aos galegos”. Nese punto engádense á conversa varios para apoiar a hipótese: “Si, home, si, que unha sentenza así non lla fan aos franceses ou aos alemáns, ou aos Estados Unidos”.

A manifestación de Compostela estaba engrosada por miles de persoas que encheron a Praza da Quintana. Como Raquel, agora no paro e que daquela (cando afundiu o barco) estaba en Noia. “Eu foi coñecer o fallo xudicial que non castigaba nada e sentir moito cabreo. Oes, que non pensaba que me podía poñer así porque tampouco seguín o xuízo con atención”.

“Os que nos guían / e non teñen ollos”

Actuou Caxade e leu o manifesto Suso de Toro. Todo grazas a un xerador eléctrico porque o Concello de Compostela (gobernado polo PP) negou o punto de luz. O escritor compostelán dixo que non era tempo de ficar na casa e resignarse. “Galiza segue na intemperie” pois “fronte a nós navega un petroleiro cargado de mentiras”. De Toro enfatizou que 11 anos despois do Prestige “seguen a existir razóns para se manifestar” e citou a Bernardino Graña, poeta do mar: “Os que nos guían / e non teñen ollos”.

Sentenza exemplar

Fronte á impunidade, a mobilización cidadá. E o recurso contra a sentenza: “Chegar a Estrasburgo e conseguir unha sentenza exemplar que marque un antes e un despois no delito ambiental”.

Comentarios