O CXPX estudará abrir dilixencias contra Taín polas súas declaracións sobre a morte de Asunta Basterra

A decisión será adoptada esta terza feira na Comisión disciplinaria do Consello Xeral do Poder Xudicial. Nunhas xornadas de formación da policía, o xuíz instrutor do caso fixo brincadeira do tratamento informativo que os medios de comunicación convencionais lle están a dar ao caso. 

O xuíz que instrúe a investigación arredor da morte de Asunta Basterra, Antonio Vázquez Taín, podería ser sancionado polo Consello Xeral do Poder Xudicial após as declaracións realizadas nunhas xornadas de formación que tiveron lugar en Vigo a pasada semana. 

A Comisión disciplinaria deste órgano xudicial estudará se as afirmacións do xuíz merecen a abertura dunha investigación en profundidade que podería resultar mesmo na apertura dun expediente sancionador, segundo recolle Europa Press. No entanto, ha de ser a Inspección do propio Consello quen adopte a decisión en tanto as decisións da Comisión non posúen carácter vinculante. 

Nunhas xornadas organizadas pola policía española, o xuíz Taín fixo brincadeira do tratamento informativo que a imprensa convencional lle está a dar á morte de Asunta Basterra. Cumpre lembrar que o maxistrado chegou a dicer que "a imprensa funciona así, sae un chío que di 'os dados revelan que Asunta voaba' e faise unha información citando fontes próximas á investigación".

Comentarios