A XUNTA BOTA BALóNS FóRA

O fin de 40 anos de investigación no Instituto de Oceanografía chega ao Parlamento

Pode despois de 40 anos cesar a actividade investigadora dun centro pola xubilación de dous profesionais? No Centro do Instituto español de Oceanografía da Coruña pode e o BNG levou o tema ao Parlamento para reclamar a continuidade das liñas de investigación. 

IEO da Coruña
photo_camera IEO da Coruña

A xubilación dos dous investigadores que lideraban as liñas de estudo do departamento de cultivos Centro do Instituto español de Oceanografía pode conducir ao cesamento da actividade investigadora da entidade. O BNG -a través do seu portavoz parlamentar, Francisco Jorquera- preguntou polo futuro do centro na Comisión de Pesca diante dunha situación que, ao seu ver, responde á “desastrosa realidade da investigación en Galiza” alén do “desleixo total” tanto do Goberno central como da Xunta. 

Estudos da bioloxía do cultivo en especies de moluscos como a ameixa, o mexillón, a vieira, a voandeira ou a zamburiña convertían o IEO da Coruña nun “único organismo estatal con capacidade para asesorar neste ámbito”, lembrou Jorquera para quen resulta “imprescindíbel” manter esta liña de investigación de especial relevancia para a actividade económica do sector dos cultivos mariños. 

A Xunta "espectadora"

Como resposta, o responsábel do Axencia Galega de Innovación, Miguel Antonio Varela Rey, explicou que os traballos do centro da Coruña pasaban a ser asumidos polo Oceanográfico de Vigo e argumentou que a competencia para decidir sobre o IEO da Coruña non era do goberno da Xunta senón estatal. A Francisco Jorquera a contestación pareceulle un “cachondeo” e lamentou que a Xunta quedase, neste caso, como “espectadora” ao tempo que anunciou que o BNG seguirá presentando preguntas e rexistrando iniciativas sobre o IEO porque, ao seu ver, a súa actividade investigadora supuña un importante retorno para a economía do país. 

Comentarios